A farmacia Muíños de Caldas doa material para confeccionar máscaras hixiénicas

Umia
07 de abril 2020

A confección de máscaras tamén correrá a cargo de persoas voluntarias e serán entregadas a colectivos vulnerables e persoal de establecementos que prestan os seus servizos esenciais estas semanas

Material doado pola Farmacia Muíños ao Concello de Caldas Concello de Caldas

As iniciativas solidarias por parte da empresa privada non faltan cada día nesta excepcional situación sanitaria e económica. En Caldas de Reis a última delas veu da Farmacia Muíños que facía entrega de material para a confección de dous mil máscaras hixiénicas. 

O seu propietario, Jesús Muíños facía entrega nas últimas horas da devandita achega altruísta ao Concello. Trátase de tea especial con dobre capa protectora e coas súas correspondentes gomas axustables. Ao recibir a doazón o alcalde, Juan Manuel Rey, señalalaba que “este tipo de accións son dunha gran axuda en momentos tan duros como os que estamos a vivir".

Agora a elaboración das máscaras correrá a cargo de máis voluntarios do municipio. Concretamente de persoas dedicadas á costura, de maneira que en quince días aproximadamente xa terán as máscaras listas para a súa distribución, segundo estima o departamento de Servizos Sociais que coordina o proceso.

Os destinatarios das máscaras serán os colectivos máis vulnerables, así como persoal dos establecementos e empresas que seguen prestando a súa actividade esencial estas semanas; servizos públicos e a poboación que poida necesitala. Doutra parte, o Concello de Caldas adquiriu material para que se poidan confeccionar outro dous mil máscaras, sen descartar que se realicen máis se fosen necesarias.

O municipio de Caldas suma numerosas axudas de empresas locais que doaron material e produtos de protección hixiénica, alimentos, cedendo temporalmente vehículos de apoio, poñéndose ao dispor do Concello; e tamén de mostras solidarias de veciños a título particular.