A feira de Ponte Caldelas volve este venres só para produtos agroalimentarios e extremando a seguridade

Ponte Caldelas
04 de xuño 2020

No mercado haberá control de aforo e todas as persoas deberán acceder con máscara protectora e previa desinfección das mans nas fontes instaladas nas dúas entradas habilitadas. Ademais, haberá controis de temperatura aleatorios

Control de temperatura aleatorio na Feira de Ponte Caldelas
Control de temperatura aleatorio na Feira de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Este venres 5 de xuño toca feira en Ponte Caldelas e, a pesar de que vaise avanzando nas fases de desescalada, a situación sanitaria obriga ao Concello a autorizar a venda só de produtos agroalimentarios, como xa se fixera na anterior celebración do mercado, o pasado 20 de maio.

De novo, nesta feira haberá control de aforo e todas as persoas deberán acceder con máscara protectora e previa desinfección das mans nas fontes instaladas nas dúas entradas habilitadas. Como xa se fixo no anterior mercadiño, haberá controis de temperatura aleatorios.

En canto aos postos, a Covid-19 obriga a tomar certas medidas para garantir o distanciamento entre os diferentes vendedores, así como a distancia social cos compradores.

A novidade chegará o vindeiro día 20 de xuño, cando os postos de téxtil e calzado poderán volver á Feira de Ponte Caldelas. Farano nunha nova ubicación: a Avenida de Galicia.

Deste xeito, dende o Concello de Ponte Caldelas buscan garantir o distanciamento mínimo esixido entre postos e tamén a distancia social, algo que non era posible facer na Alameda, onde se situaban antes da pandemia.

Atendendo a estas previsións, os postos de alimentación e agro se manterán na Praza de España e téxtil e calzado ubicaranse na Avenida de Galicia.

Actualmente, a Feira de Ponte Caldelas conta cun total de 102 licencias e celébrase os días 5 e 20 de cada mes.