A Festa da Troita serviu 6.500 racións durante todo o mes, 3.000 esta fin de semana

Ponte Caldelas
29 de maio 2017

O goberno tripartito realizou unha valoración da celebración e amosouse especialmente satisfeito do crecemento que experimentaron as degustacións previas de troita realizada por parroquias. Neste segundo ano, a actividade tivo paradas en 25 casas do pobo do municipio

Equipo humano da Festa da Troita 2017
Equipo humano da Festa da Troita 2017

A LI Festa da Troita bateu todos os récords ao servir ao longo de todo o mes de maio un total de 6.500 racións de troita, máis da metade durante as degustacións previas nas parroquias das últimas semanas e 3.000 durante esta fin de semana, eixo central dos actos. 

O goberno tripartito realizou unha valoración da celebración e amosouse especialmente satisfeito do crecemento que experimentaron as degustacións previas de troita realizada por parroquias. Neste segundo ano, a actividade tivo paradas en 25 casas do pobo do municipio.

Segundo os datos facilitados polo Concello, a previsión inicial era crecer dende as 1.000 racións consumidas nas parroquias no ano pasado ata as 1.500, pero finalmente servíronse 3.500, máis do triplo das cifras do ano pasado.

O alcalde, Andrés Díaz, amosouse abraiado pola resposta popular, pois houbo lugares onde o ano pasado participaran 10 persoas e este ano contaron con preto de 100 veciños e outros nos que estaba todo o pobo. En varias casas do pobo houbo tal cheo que foi necesario habilitar mesas no exterior.

Durante esta pasada fin de semana, o público deu conta doutras 3.000 racións, aproximadamente, a mesma cantidade que o ano pasado, na carpa instalada na Alameda.

O alcalde destaca o éxito que tivo o agasallo de empanada de troita, da que se repartiron de balde 500 racións ás primeiras persoas  que adquiriron o tique de compra, ao prezo único de 3 euros. O resto das racións que se serviron foron de troita fritida ou en escabeche.

O goberno local estudará agora a posibilidade de introducir novos pratos na Festa da Troita, comezando pola empanada, ou manter o formato tradicional coas dúas preparacións habituais.