A Festa do Marisco arranca con más de 4.000 racións consumidas

O Salnés
04 de outubro 2019

A Festa do Marisco arrancou volvendo a converter a Praza do Corgo un ano máis no "comedor de Europa"

Inauguración da LVI Festa do Marisco 2 Concello do Grove

A Festa do Marisco arrancou volvendo a converter a Praza do Corgo un ano máis no "comedor de Europa".

Dentro do elenco de produtos do mar que se poden saborear nesta Festa, seguen a manter a súa demanda o polbo con 262 racións, as empanadas con 201, os mexillóns coas variedades de ao vapor, en vinagreta ou tigres con 193 racións, o arroz de marisco con 148 ou as ameixas á mariñeira con 127.

O resultado final de unidades dispensadas durante a primeira xornada de festa, que se inaugurou este xoves ás 19:00, foi de 4.130. Resultado moi similar ao obtivo na mesma xornada dos anos anteriores o que demostra que o primeiro día de festa estase a converter nun importante reclamo.

Esta afluencia de xente veuse tamén na Carpa de Concertos que iniciou a súa actividade ás 21:30 co grupo local "Flameco" e continuou coa actuación tan esperada de "Los Secretos". A carpa mantivo un cheo total. A estimación de xente coa carpa chea é de 2.000 persoas.

Este venres achegáronse ata a carpa xunto ao alcalde, José Cacabelos, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e á Alta Comisionada do Goberno de España para a Axenda 2030 da ONU, Cristina Gallach.

A presidenta provincial fixo un triplo eloxio da Festa. En primeiro lugar enxalzou que O Grove pon en valor á xente que traballa e vive do mar dende unha perspectiva que ten moito que ver co consumo local e co produto de proximidade e, polo tanto, cunha cadea de valor estreitamente vinculada co medio ambiente. Falou tamén de Igualdade, "pois as mulleres que aquí colaboran co seu esforzo aparecen empoderadas e teñen espazo propio". Finalmente, definiu a Festa do Marisco como unha aposta pola cultura.