A II Festa Gastronómica da Emigración de Ponte Caldelas pechou as súas portas este domingo cun crecemento que superou nun 138% á estrea do pasado ano. Ao longo da fin de semana servíronse uns 15.000 pratos, deixando cativa a cifra dos 6.300 da primeira edición.
Segundo trasladan dende o Concello, "a satisfacción entre os hostaleiros e o público participante foi total".
O retoque das datas, iniciando a festa no venres noite e rematando co xantar do domingo, foi valorado como un acerto que explica parte do crecemento.
Na Festa Gastronómica da Emigración ofrecéronse pratos de comida internacional a 5 euros con bebida incluída.
Aínda que é difícil calcular o volume total de visitantes atraídos durante a fin de semana o goberno local caldelán estima que estivo moi por enriba das 20.000 persoas, toda vez que os bares e restaurantes do municipio rexistraron unha gran actividade.