A Fonte da Praza de Arriba será restaurada pola Escola de Cantería

Pontevedra
22 de marzo 2018

A Deputación de Pontevedra asinaba un convenio co Concello do Grove para acometer esta reconstrución dun elemento historio da vila, de estilo modernista

A presidenta da Deputación, Carmela Silva e o alcalde do Grove, José Cacabelos Deputación de Pontevedra

A presidenta da  Deputación, Carmela Silva, asinaba co alcalde do Grove, José Cacabelos un convenio para a reconstrución da emblemática Fonte da Praza de Arriba, a cargo da Escola de Cantería da institución provincial que levará a cabo traballos de restauración e instalación.

Carmela Silva afirmaba atoparse moi satisfeita por restaurar unha peza histórica do patrimonio do Grove, despois de que fose maltratada ao non coidarse o patrimonio.

Pola súa banda, José Antonio Cacabelos subliñou que a proposta de rehabilitación vai na liña do Plan estratéxico de Turismo da Deputación que se fomenta a través da campaña # SomosHistorias. 

A fonte é de estilo modernista de gran porte rematada cunha copa de ferro fundido e soporte para dous faroliños que iluminan a saída de auga. Construíuse no ano 1925 e mantívose na Praza de Arriba ata a década dos 60. Naqueles anos foi retirada e ao desmontala sufriu danos materiais. Posteriormente instalouse en Porto  Meloxo, lugar onde nunca estivo activa.