A hostalería pontevedresa só aceptará un peche á alemá

Pontevedra
04 de novembro 2020

A asociación de hostaleiros de Pontevedra agarda con impaciencia as medidas que compensen o "incoherente" peche dun mes anunciado este mércores polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo

A hostalería de Pontevedra organiza unha cacerolada para esixir axudas á Adminstración
A hostalería de Pontevedra organiza unha cacerolada para esixir axudas á Adminstración / Mónica Patxot

A hostalería de Pontevedra e outros 59 concellos de Galicia en alerta vermella pola pandemia pecharán durante un mes para partir do venres. Así o comunicou esta mañá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo nunha comparecencia na que deixou caer que haberá medidas compensatorias para as empresas pero sen especificar cales.

Á espera de coñecelas, a Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) comunica "desde a prudencia" que "se este peche vai ser como o do lecer nocturno, a valoración vai ser tremendamente negativa; se vai ser como o que fixo o goberno alemán, posiblemente sexa positiva", confesan en referencia á compensación do 75% dos ingresos do 2019 aprobada polo país xermano para os seus hostaleiros.

"Levamos días dicindo que ou ben nos pechan ou ben nos abren, pero por suposto, non de calquera forma", reclaman desde o colectivo no que queren deixar clara a súa desconformidade con "o nivel de improvisación inadmisible". Cualifican de "incomprensible" que anuncien o peche pero non anuncien medidas ata o día seguinte.

Consideran "increiblemente incoherente" que se permita acudir a centros comerciais, a eventos deportivos ou a misa, pero non tomar un café. 

En terceiro lugar, volven sentirse "obxecto de criminalización" con esta decisión despois de facerse público un informe do Ministerio de Sanidade que ditamina que a hostalería "non é o foco de contaxio da segunda onda, que o son as reunións privadas". 

Neste sentido acusan o executivo de Feijoo de "crear dúas Galicias enfrontadas". Por unha banda, as que reciben o seu soldo a primeiros de mes fagan o traballo que fagan e, a segunda, a que "ten que poñer dos seus aforros e endebedarse para non pechar os seus negocios", rematan.