A humanización da entrada e saída da vila de Cerdedo entra na recta final

Cerdedo Cotobade
12 de maio 2021

Fomento executa a construción de dúas rotondas para reducir a velocidade do tráfico e mellorar a seguridade viaria

Obras de humanización da N-541 ao seu paso pola vila de Cerdedo Concello de Cerdedo Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mostrou a súa satisfacción polo avance das obras da rotonda de acceso á vila de Cerdedo, que se atopan xa na súa recta final e consisten na humanización e ensanche da confluencia coas rúas Ourense e Estrada para favorecer a mobilidade peonil e a seguridade viaria. 

"A rotonda servirá para atenuar substancialmente o tráfico que a alta velocidade se viña introducindo no centro do núcleo urbano de Cerdedo con gran perigo para os viandantes", valorou o rexedor, quen lamentou o atraso na execución dunhas obras prometidas por Fomento desde que Ana Pastor era ministra.

"Tiveron que pasar anos e anos desde que o Ministerio de Fomento se comprometera con nós para construír dúas rotondas na N-541, á entrada e saída de Cerdedo. Estas glorietas xa foran proxectadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade na época de Ana Pastor, como ministra de Fomento, pero chegou a moción de censura contra o presidente Rajoy e as rotondas entraron nun proceso de demora inxustificable", criticou o popular.