A inmunización avanza en Pontevedra cunha nova xornada de vacinación masiva

Pontevedra
24 de xullo 2021

Unha nova xornada de vacinación masiva permitiu á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés dar un gran paso para avanzar a inmunización da poboación ante a covid-19. Así, foron 7.322 persoas as que estaban citadas este sábado para recibir as súas segundas doses

Vacinación contra a covid-19 en Pontevedra
Vacinación contra a covid-19 en Pontevedra / Cristina Saiz

Unha nova xornada de vacinación masiva permitiu á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés dar un gran paso para avanzar a inmunización da poboación ante a covid-19. Así, foron 7.322 persoas as que estaban citadas este sábado para recibir as súas segundas doses.

En concreto, 5.052 estaban citadas no Recinto Feiral de Pontevedra e outras 2.270 en Fexdega, en Vilagarcía. Todas elas recibiron o soro de Pzifer, segundo confirmaron as autoridades sanitarias, en base á previsión de vacinación.

Salvo colas puntuais, a xornada transcorreu sen incidentes e permitiu completar a vacinación da poboación entre 40 e 49 anos que xa recibira a súa primeira dose.

Ademais, tamén estaban citados os maiores do segmento poboacional de 30 a 39 anos, onde a vacinación continuará avanzando ao longo da próxima semana.

Ata o de agora, e sen contar coas administradas este sábado, Galicia puxo 3.361.483 doses da vacina contra a covid-19.

Isto implica que o 76% da poboación diana a vacinar -maiores de 12 anos- recibiu polo menos unha picada, mentres 1.647.668 desas persoas, un 67,19%, ten a pauta completa.

A partir da próxima semana, Sanidade prevé iniciar na área sanitaria de Pontevedra a vacinación dos cidadáns entre 20 e 29 anos que, nun principio, recibirán as doses de Pfizer.