A Inspección de Traballo mediará nas negociacións de Tafisa

Pontevedra
16 de xuño 2014

Tras a xuntanza desta mañá entre a dirección e os representantes sindicais, o grupo de traballadores de Tafisa increpou o director de Recursos Humanos do Grupo Sonae seguíndoo ata o aparcadoiro da Praza da Liberdade

Manifestación dos traballadores de Tafisa por Campolongo
Manifestación dos traballadores de Tafisa por Campolongo /

Nova reunión entre empresa e representantes sindicais de Tafisa e segue sen haber avances. Por ese motivo, a próxima entrevista entre as dúas partes para decidir o futuro da fábrica de taboleiros farase baixo a mediación da autoridade laboral. Así o manifestaba o presidente do comité de empresa, José Manuel Moledo, á saída do encontro coa dirección afirmando que se sentían "enfadados e cabreados" porque a proposta da empresa é "irrisoria".

A empresa, ao contrario do equipo, segue contemplando o peche da nave de Ponte Caldelas e ofrece unha indemnización por despedimento de 24 días por ano traballado con 14 mensualidades e prexubilacións para os maiores de 59 anos cun complemento do 70% neto ata os 61, ademais de prexubilacións para os maiores do 61 cun complemento neto do 70% ata os 65 anos. Para aqueles vinte traballadores que, segundo a oferta da empresa, queiran trasladarse a outras fábricas do grupo contarían cos gastos de mudanza cubertos e con seis meses de aluguer a cargo de Tafisa.

A parte social rexeita oferta porque segue defendendo que a factoría é viable e que, en caso de tratar traslados e prexubilacións, sería necesario que se mellorasen as condicións que formula a dirección. Desta forma, esperan que a Inspección de Traballo asista á próxima reunión, o xoves 19, e busque un achegamento entre as partes. "Quedan tres reunións pero estamos moi lonxe", afirma Moledo.

Dende o comité de empresa entenden que a planta sería viable restándolle 15 prexubilados ou trasladados ao equipo actual, os mesmos que se encontran agora en ERE.

Á saída da reunión, os traballadores que se encontraban ás portas do edificio de Nova Caixa Galicia, na Praza de San Xosé, increparon e seguiron a un dos negociadores, o director de Recursos Humanos do Grupo Sonae, Ángel Robledano, ata o aparcadoiro da Praza da Liberdade. "Que non xogue cos nosos postos de traballo", berraban algúns dos empregados de Tafisa.

Este mércores 18, unha representación sindical reunirase co Conselleiro de Industria, Francisco Conde, do que esperan que poida premer a empresa para intentar que Tafisa continúe activa en Ponte Caldelas.