Identificar e recoller a firma de cesión dos propietarios dos terreos afectados. É o obxectivo da reunión que convocou o Concello da Lama cos veciños da parroquia de Seixido con motivo da primeira fase da ampliación da estrada Antas-Seixido-Portela da Cruz que executará a Xunta de Galicia.
O encontro será o sábado 11 de marzo, ás seis da tarde.
Esta primeira fase discorrerá por un trazado duns 6 quilómetros, entre os lugares de Antas e Seixido, e contempla a eliminación de varias curvas para favorecer a seguridade viaria e unha mellor condución. Tamén se ampliarán os pontillóns existentes para permitir unha mellor trazada para os vehículos pesados.
A posta en marcha desta obra, segundo o Concello, está chea de complexidades desde o punto de vista técnico do proxecto, sobre todo pola existencia de diferenzas de cotas e demais aspectos para ter en conta para poder adaptar o trazado definitivo ás necesidades expostas polos veciños da zona.
Jorge Canda apoia a necesidade de afrontar a reforma desta estrada en que é moi utilizada tanto por veciños do municipio nos seus desprazamentos habituais como por aquelas persoas que se dirixen ao Carballiño e Ourense e tamén as que residen na provincia veciña e que viaxan a Pontevedra ou Vigo.
Ademais, este viario ten un uso continuado polos vehículos que transportar ou traen presos desde a prisión da Lama ata a de Pereiro de Aguiar (Ourense), e viceversa, así como que gran parte dos funcionarios do cárcere pontevedrés residen na provincia de Ourense.
Para poder efectuar esta mellora na estrada, o Concello ten que poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para a ampliación, coa que o viario pasaría a contar cunha calzada de seis ou sete metros e amplas beiravías.