Aviso de Jorge Canda ao PP: se non melloran a estrada entre Antas e Seixido "que busquen outro candidato"

A Lama
13 de marzo 2017

O alcalde da Lama, Jorge Canda, condicionou a súa continuidade na Alcaldía ás obras de ensanche previstas na estrada Antas-Seixido-Portela. Considera que esta actuación é tan prioritaria que se a Xunta non arranxa este vial o PP "terá que buscar a outra persoa" para presentarse ás eleccións municipais de 2019

Asemblea veciñal en Seixido
Asemblea veciñal en Seixido / Concello de A Lama

O alcalde da Lama, Jorge Canda, condicionou a súa continuidade na Alcaldía ás obras de ensanche previstas na estrada Antas-Seixido-Portela. Considera que esta actuación é tan prioritaria que se a Xunta non arranxa este vial o PP "terá que buscar a outra persoa" para presentarse ás eleccións municipais de 2019.

Así o trasladou o rexedor á asemblea veciñal celebrada en Seixido cos afectados por estas futuras obras de ampliación.

Canda manifestou que se sentía "con forzas e con garantías do presidente da Xunta" de que se ía a arranxar este viario que comunica Pontevedra con Ourense. "Dixen ben claro que me presentaría ás próximas eleccións a condición de que se fixese este arranxo", aclarou o alcalde que, en todo caso, engadiu que "eu creo que queren que continúe eu".

O alcalde sinalou que o proxecto pretende eliminar o maior número posible de curvas e ensanchar os pontillóns que acompañan o percorrido sinuoso desta estrada. Pero para iso, os veciños deben ceder terreos "se queremos que a estrada se mellore".

Ademais de autorizar a ocupación dos terreos, o Concello celebra que os veciños axuden a identificar aos propietarios lindantes das súas parcelas, algúns deles falecidos ou na emigración.

A maior preocupación mostrada polos veciños foi que se acometera a mellora da estrada canto antes e que se fixese do mellor xeito posible para gañar en seguridade e operatividade do viario. O alcalde tamén lles garantiu que se repoñerían as leiras afectadas e as que se lle tivese que derribar algún muro para a súa intervención.

OUTROS ASUNTOS

A asemblea serviu tamén para tratar diversos temas de interese para a parroquia entre os que figuraba o proxecto presentado polo alcalde Jorge Canda e os concelleiros Emilio Canda e José Sobral sobre a humanización e mellora da contorna dos hórreos de Covas.

Esta intervención supoñerá a humanización desta contorna, a recuperación da imaxe dunha praza na que se atopan situados varios hórreos tradicionais, feitos en pedra, que permitirá mellorar o acceso ás vivendas, ordenar o espazo e permitir un mellor goce vecinal das zonas comúns existentes no lugar.

O alcalde tamén instou aos propietarios dos hórreos a proceder á súa restauración xa que son de bela factura, pero atópanse nunha situación de abandono importante, ofrecendo a posibilidade de cedelos ao Concello durante cinco anos para poder actuar sobre eles.

Canda tamén mostrou o proxecto de mellora da contorna da igrexa de Seixido e os veciños pediron solucionar problemas derivados da acción da choiva ou a limpeza de camiños de acceso a zonas forestales, colaborar nas obras do cemiterio parroquial para evitar as humidades actuais e mellorar a accesibilidade e resolver o mal funcionamento da grella comunitaria.