A licitación as obras para renovar un vial na Igrexa-Dena

O Salnés
09 de novembro 2021

A actuación prevista polo Concello de Meaño transformará a pista actual nun vial residencial con plataforma única mixta para peóns e vehículos, renovando ao mesmo tempo as infraestruturas urbanas e deixándoas preparadas para as futuras conexións nas parcelas sen edificar

Vial en A Igrexa-Dena que será renovado
Vial en A Igrexa-Dena que será renovado

O Concello de Meaño informa de que sacará a licitación neste mes de novembro a urbanización dun vial situado no lugar da Igrexa, en Dena.

A obra conta cun orzamento de 134.429,06 euros, para unha actuación global que inclúe a pavimentación e mellora do seu ancho ata os 10 metros.

As empresas interesadas en optar á realización dos traballos teñen de prazo ata o 25 deste mes para presentar as súas propostas. As bases están á súa disposición no apartado do "perfil do contratante" da Plataforma de Contratos de Galicia.

En Dena a actuación prevista polo goberno local transformará a pista actual nun vial residencial con plataforma única mixta para peóns e vehículos, renovando ao mesmo tempo as infraestruturas urbanas e deixándoas preparadas para as futuras conexións nas parcelas sen edificar.

Segundo explicaba o alcalde Carlos Viéitez, con este investimento búscase transformar a pista actual nunha rúa urbana "propia dunha zona residencial, tal e como está clasificada na normativa urbanística".

A actuación afectará ao tramo que une a estrada de Pontedena a Abuín coa a rúa Santa Lucía, no lugar de A Igrexa. Este vial actualmente é unha pista agrícola que está pavimentada con aglomerado moi deteriorado. Ademais, instalaranse novas redes de saneamento de pluviais e fecais, un novo alumeado público e a rede de abastecemento de auga municipal.