A Mancomunidade de Montes de Pontevedra reclama que a planta de compost se ubique en terreo industrial

Pontevedra
09 de xullo 2014

Entende a Mancomunidade que "non hai razóns de peso" que aconsellen a instalación desta planta fóra do terreo actualmente xa establecido con solo industrial

Parque empresarial de O Campiño - A Reigosa Concello de Ponte Caldelas

A Mancomunidade de Montes acordou solicitar ao Concello de Pontevedra que a planta de compost que se pretende instalar no municipio se ubique en solo industrial, preferiblemente nalgún dos polígonos industriais existentes.

Considera a Mancomunidade de Montes que existe solo industrial "suficiente" para acomodar unhas instalacións das características da que se pretende e considera "innecesario e prexudicial a destrución de máis parcelas de solo de protección forestal que xa sufriron nos últimos anos unha importante diminución na súa extensión pola instalación de equipamentos e infraestruturas que afectaron grandemente á superficie de monte co que conta o municipio pontevedrés e deterioraron o cumprimento das súas funcións".

"Non hai razóns de peso" que aconsellen a instalación desta planta fóra do solo industrial

Entende a mancomunidade que "non hai razóns de peso" que aconsellen a instalación desta planta fóra do terreo actualmente xa establecido con solo industrial e cualifica como "errónea" a intención de buscar "terreo barato" para edificar en solo rústico unha planta industrial que "probablemente sexa ampliada no futuro con novas instalacións e desordenando así aínda máis o xa actualmente moi desordenado espazo do municipio pontevedrés, onde a mestura de terreos industriais e residenciais dificulta a convivencia entre veciños e empresas".

A Mancomunidade de Montes critica que sexa precisamente o Concello de Pontevedra o que alente este desorde e rexeita tamén a estratexia municipal de "subastar" a ubicación da planta ao mellor postor, "situando o funcionamento da planta no terreo do negocio privado e ligando así a situación da instalación a criterios económicos".

Este acordo foi tomado pola Asemblea Xeral sen menoscabo da autonomía de cada comunidade para utilizar os seus montes como decida a súa asemblea xeral, polo que o acordo non impide que poida haber comunidades que estean dispostas a negociar unha posible cesión de terreos.