A Mesa do Turismo xa traballa coa vista posta no 2019

Pontevedra
25 de outubro 2018

Na reunión celebrada este xoves da Mesa do Turismo da provincia de Pontevedra, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou que "o vindeiro ano queremos facer unha promoción na que os 61 concellos da provincia sexan os protagonistas"

Reunión da Mesa provincial de Turismo Deputación de Pontevedra

Na reunión celebrada este xoves da Mesa do Turismo da provincia de Pontevedra, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou que "o vindeiro ano queremos facer unha promoción na que os 61 concellos da provincia sexan os protagonistas", e adiantou que a Feira Fitur, entre o 23 e o 27 de xaneiro, marcará "o pistoletazo de saída" da promoción anual que terá como eixo vertebrador as festas de interese turístico nacional e internacional.

Silva sinalou que xa están iniciadas o 93% das actuacións das cinco liñas do Plan Estratéxico de Turismo.

Outra das cuestións que se puxeron enriba da mesa foi a posibilidade de que as 224 empresas que nestes momentos contan co distintivo SICTED, o Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos, poidan acadar a Q de calidade.

En canto aos compromisos acordados, todos eles por unanimidade e tras a participación do sector público e privado que se da cita na Mesa do Turismo, impulsarase unha reunión especial para abordar cuestións ligadas á viticultura e ao enoturismo. 

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, referiuse á "consolidación" que vive o sector, despois dun lustro de intensos crecementos. Nun contexto como o actual, cunha moderación xeneralizada da demanda, rexistrándose un crecemento na estadía media ou nas tarifas hoteleiras. Salientou a importancia da coordinación, así como a longa carreira de fondo e os anos de intenso traballo, que están a dar os seus froitos.

Tamén se puxo de manifesto a importancia turística da provincia de Pontevedra que, segundo os últimos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e referidos á demanda hoteleira, concentra xa o 40% dos visitantes que chegan a Galicia. 

Sen ser allea á moderación xeral da demanda, Pontevedra conseguiu rexistrar ata setembro o seu segundo mellor ano, con algo máis de 2,7 millóns de pernoitas nos hoteis e pensións. Modérase a chegada de viaxeiros nacionais e ascende a dos internacionais, mercado que medrou máis dun 6%, acadando así máximos históricos.