A Mesa levará a Europa a denegación dunha trámitación do Goberno ao Concello de Cambados por usar o galego

O Salnés
30 de setembro 2021

A Mesa pola Normalización Lingüística asegura que "non é a primeira vez que se dá esta situación, xa que o mesmo Ministerio lle ten denegado previamente axudas a Santiago, Santa Comba e Teo polo uso do galego"

Elsa Quintas e Marcos Maceira, de A Mesa pola Normalización Lingüística Mónica Patxot

A Mesa pola Normalización Lingüística anuncia que denunciará perante o Consello de Europa a denegación dunha tramitación do Ministerio de transición ecolóxica ao Concello de Cambados por usar o galego. 

Concretamente, o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, rexeitou un documento técnico elaborado polo Concello de Cambados para a tramitación do plan especial do porto de San Tomé e Tragove por estar escrito en galego.

A Mesa considera que hai unha "vulneración reiterada" da Carta Europea das Linguas por parte do Goberno español e pide o posicionamento "claro e rotundo" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo "defendendo a dignidade colectiva do pobo galego e o dereito a usar a nosa lingua".

Esta entidade en defensa da lingua asegura que "non é a primeira vez que se dá esta situación, xa que o mesmo Ministerio lle ten denegado previamente axudas a Santiago, Santa Comba e Teo polo uso do galego".

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, amosoulle a súa solidarieade ao Concello de Cambados e trasladoulle o apoio da entidade perante a "coacción" do Ministerio, que "mutila un artigo da Lei de procedemento administrativo para coaccionar persoas e administracións para que deixen de usar unha lingua oficial". 

Maceiras recorda que "o Goberno ten que actuar e eliminar as persoas galegófobas da Administración, ademais de condenar un xesto de desprezo, coacción e chantaxe".

O traballo que desenvolve a Mesa a través da Liña do Galego ten conseguido nos últimos meses que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas, como o actual cambio na aplicación É-Saúde, a App Radar Covid, os parquímetros da zona ORA do Concello de Vigo, a aprobación da ordenanza de normalización lingüística do Concello da Coruña ou os informes emitidos polo Consello de Europa.