Científicos da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), con sede na parroquia pontevedresa de Salcedo, avogan pola mellora xenética do millo para controlar o risco de seguridade alimentaria que pode implicar a infección do gran con fungos produtores micotoxinas, substancias tóxicas para animais e humanos.
Así, tras buscar fontes de resistencia á contaminación con fumonisinas -as micotoxinas máis abundantes en España- iniciaron, a partir dos materiais máis resistentes, un programa de selección xenética.
Realizaron un estudo sobre as especies fúngicas predominantes no gran de millo en Pontevedra e determinaron os factores xenéticos e ambientais que inflúen no nivel de contaminación polo fungo máis abundante, Fusarium verticillioides. Recomendan evitar as sementeiras temperás e as colleitas tardías dado que observaron que as altas temperaturas en torno á floración, as precipitacións durante o secado do gran e temperaturas medias en torno a 15º C cando o gran presenta unha humidade inferior ao 30% favorecen a aparición de fumonisinas.
Os primeiros resultados obtidos nesta liña de investigación, desenvolvida polo Grupo de Xenética e Mellora de Millo da MBG a través de proxectos financiados pola Xunta de Galicia e o Plan Nacional, estanse a publicar en revistas científicas de impacto.