A misión imposible de atopar piso para estudantes en setembro en Pontevedra

Pontevedra
07 de setembro 2021

O número de vivendas ou habitacións dispoñibles é moi reducido e o prezo do alugueiro está polas nubes, 100 euros máis caro que o curso pasado

Xente consultando as ofertas dunha inmobiliaria Mónica Patxot

O novo curso universitario xa está en marcha e polo campus de Pontevedra xa empeza a haber movemento. Moitos estudantes procedentes doutros municipios establecen na cidade do Lérez a súa residencia durante o curso. A maioría xa teñen piso, non sen grandes esforzos por dar co fogar apropiado, pero algúns tratan de atopar casa a contrarreloxo nun mercado prohibitivo e con escasa oferta. 

"Os prezos están polas nubes, agora teñen que coller o que queda e a prezos caros", asegura Conchi Portela, propietaria da inmobiliaria Tengo tu Llave. Con todo, a moitos non quedará outra opción que aceptar o pouco que queda dispoñible. "A xente vén desesperada, xa lles vale calquera cousa", recoñece Oti Lorenzo, de Inmobiliaria Bolboreta. "Esta semana virán os últimos, os que non atoparon grupo", engade.

A casa ideal para este tipo de cliente é un piso de 4 ou 5 habitacións situado no centro ou na zona vella da cidade, aínda que tamén lles resulta atractiva a zona de Lérez ou de Santa Clara. Con todo, para asinar un contrato así deben estar dispostos a asumir cotas mensuais de 700 ou 800 euros.

"Comparado co ano pasado, a subida foi de 100 euros. Pero non queda outra e en moitos casos cónstanos que pagar o alugueiro suponlle moito esforzo aos pais", recoñece Lorenzo. 

A razón que levou a esta desorbitada subida de prezos está nun cambio no mercado e na escaseza de vivenda que padece Pontevedra. "Os prezos subiron porque hai moi pouca oferta", sinala Portela. Ademais, moitos propietarios viron maior rendibilidade nos alugueiros turísticos e deixaron de alugar os seus pisos a estudantes. E os que o seguen facendo poñen moitas condicións e requisitos.

"Os propietarios piden fotos, inventario e por suposto permiso dos pais", detalla a propietaria de Tengo tu Llave.

Un panorama que se ve agravado co aumento da demanda posterior ao estalido da pandemia. "A demanda aumentou porque o ano pasado como había xente que non sabía se ía ter clases presenciais todo o ano, estivo a ir e vir cada día. Pero este ano xa todo o mundo buscou e piso e non houbo pisos para todos", lamenta Lorenzo. 

Ante esta situación, propietarios e inquilinos están a atopar unha solución nova. Nos últimos cursos prolifera cada vez máis o alugueiro de habitacións a estudantes. "É menos habitual, pero ven xa varios casos", recoñecen en Bolboreta, empresa na que teñen constatado que o volume de pisos en alugueiro para estudantes reduciuse nun 30 % nos últimos anos. "E ao non haber moitos, nótase. Os pisos de estudantes nunca se quedaron baleiros", remata Lorenzo.