A negociación do orzamento municipal para 2015 avanzará de forma "importante" esta semana

Pontevedra
25 de novembro 2014

Tras a recente presentación do borrador deste documento, que cifra inicialmente o presuposto en 69 millóns de eurosa>, xa se celebraron os primeiros contactos entre os socios do goberno coaligado para consensuar as partidas que se destinarán para cada un dos conceptos

Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra PontevedraViva

BNG e PSdeG-PSOE xa se encontran en plena negociación dos presupostos municipais para 2015. Tras a recente presentación do borrador deste documento, que cifra inicialmente o presuposto en 69 millóns de euros, xa se celebraron os primeiros contactos entre os socios do goberno coaligado para consensuar as partidas que se destinarán para cada un dos conceptos.

Segundo desvelou Antón Louro, o voceiro socialista xa mantivo senllos encontros co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Facenda, Raimundo González. Prevese que esta semana ambas as dúas partes avancen notablemente na negociación dos presupostos, co obxectivo de poder aprobalos antes de que finalice este ano, é dicir, no pleno do próximo mes de decembro.

Louro adiantou que o grupo municipal socialista agarda que o presuposto para 2015 incida en políticas de fomento do emprego e que faga un "maior esforzo" no capítulo destinado aos investimentos. Asegura que tras o exitoso modelo de cidade, hai que apostar agora por un "proxecto de cidade", o que debe incluír maior investimento en obra pública para dinamizar a economía local. "Pouca foguetería e máis emprego", insistiu.

Neste sentido, o voceiro socialista afirmou ser partidario de reducir as partidas destinadas a gastos e transferencias correntes e aumentar os investimentos, cifrados inicialmente nuns 11 millóns de euros, e as políticas activas de emprego.

Pola súa banda, Raimundo González limitouse a confirmar estes contactos e que esta semana "seguiremos traballando" para que se produza un avance "importante" na negociación do presuposto municipal para 2015.