A nova vida do Pazo de Lourizán: aloxamento, restauración e cultura forestal cunha rehabilitación "rigorosa"

Pontevedra
31 de xullo 2023

O director de Turismo de Galicia sinalou que se vai rehabilitar para que teña unha zona de aloxamento con 20 cuartos e un establecemento de restauración e estea preparado para recibir visitas, para que "os cidadáns poidan descubrir este tesouro", este edificio "cheo de historia e patrimonio" 

Acto de presentación dos novos usos da Finca de Lourizán
Acto de presentación dos novos usos da Finca de Lourizán / Cristina Saiz

"O rexurdimento definitivo de Lourizán e de todo o que supón comeza hoxe, 31 de xullo do ano 2023". Así remataba este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a súa intervención nun día histórico para este pazo pontevedrés.

O mandatario autonómico presidiu o acto de presentación das labores de restauración e deseño de novos usos e actividades do Pazo que vai levar a cabo a Xunta, no que se desvelou que se vai realizar unha rehabilitación "rigorosa" respectando a riqueza cultural e patrimonial.

Nesta nova etapa, a Finca de Lourizán terá seis usos: "divulgación, restauración, xestión, oficinas, aloxamento e apoio", tal e como desvelou o arquitecto Manuel Rodríguez López, coordinador da Fundación Ría, constituida polo famoso arquitecto David Chipperfield.

Esta Fundación realizou un traballo inicial para definir eses futuros usos do Pazo e apostou por combinar nestas instalacións un uso con fins turísticos e outro máis vencellado ao sector forestal, para o estudo, divulgación e investigación. 

Sobre os usos turísticos, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, sinalou que se vai rehabilitar para que albergue unha zona de aloxamento con 20 cuartos, tamén un establecemento de restauración e estea preparado para recibir visitas, para que "os cidadáns poidan descubrir este tesouro", este edificio "cheo de historia e patrimonio".

O pazo, segundo Merelles, agárdase que poida "xerar recursos propios para contribuír ao seu mantemento". A iso contribuirá a construción dunha sala polivalente de madeira nun novo inmoble de madeira para sala de conferencias.

A Xunta de Galicia xa anunciara que neste proxecto vaise facer un investimento inicial de 17,8 millóns de euros e este luns falaron, por primeira vez, de prazos. En setembro pretenden sacar a licitación o Concurso de Ideas convocado para definir o futuro do Pazo. 

Unha vez resolto o Concurso de Ideas, vanse poder concretar tamén o resto de prazos das obras, pero, de momento, Alfonso Rueda adiantou que o seu obxectivo é que antes de que remate o vindeiro ano, 2024, as obras estarán iniciadas

A partir da presentación deste luns, "poñémonos a traballar en serio", explicou Rueda, con "ideas, proxectos ben definidos e recursos orzamentarios" para rematar este proxecto que confía en que "vai dar vida a toda Pontevedra" e no que o Pazo vai ter "sentido histórico, cultural, turístico e paisaxístico"

A actuación da Xunta non só suporá a restauración "necesaria e rigorosa" do edificio principal, senón que actuará tamén no xardín botánico, "un tesouro como hai poucos en España e Europa", en palabras de Rueda.

Jacobo Aboal Viñas, director da Axencia Galega da Industria Forestal da Consellería de Medio Rural, insistiu na contorna "inigualable" de Lourizán e sinalou que esta nova etapa suporá "afondar" no seu uso vencellado ao sector forestal.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora