Co galo do anuncio dun proxecto de rehabilitación do Pazo de Lourizán, o BNG anunciou a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias, en forma de preguntas e proposición de lei, para que o Goberno galego abra un amplo proceso de participación arredor dos usos futuros da Finca e do Pazo de Lourizán.
Ao mesmo tempo, o deputado nacionalista Luís Bará anunciou a presentación de iniciativas para que a Xunta tome de maneira urxente medidas para reverter a decadencia e desmantelamento do histórico Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.
“A Xunta debe garantir a máxima transparencia e participación da definición dos usos futuros do Pazo e da Finca de Lourizán”, considerou Bará, para quen unha das cuestións chave é “que se garanta o uso e a xestión pública do espazo fronte á tentación de facer un uso por parte de empresas privadas do sector forestal para lavar a súa mala imaxe”.
Segundo a proposta do Bloque, no proceso participativo deben intervir o tecido social, as comunidades de montes, as entidades ambientalistas, o sistema universitario galego, o Concello de Pontevedra, os sectores da cadea de valor do monte e persoas expertas de diversos ámbitos relacionados coas función que deberá cumprir o enclave.
Con respecto aos usos futuros do conxunto, o BNG defenderá que estea centrado na investigación, divulgación e fomento do monte multifuncional, considerando os usos produtivos, sociais e ambientais -os tres piares da multifuncionalidade do monte-, fronte ao maior peso que a Xunta parece conceder aos aproveitamentos produtivos do monte centrados na madeira e en produtos derivados.
Con respecto ao edificio do Pazo de Lourizán, Luís Bará considera que en primeiro lugar a Xunta debe dar explicación sobre os vinte anos de abandono, “que levou o edificio a un estado de semirruína e que é responsabilidade do Goberno galego”.
Luís Bará denunciou así mesmo o proceso de desmantelamento que vén sufrindo o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, un centro que foi pioneiro e punteiro e que está nunha situación grave de declive, “lastrado pola falta de persoal, a non cubrición de prazas de persoal xubilado, a precariedade laboral, mesmo coa contratación de persoal a través de fundacións privadas, a falta de continuidade de proxectos de investigación, o abandono de parcelas onde se levaba a cabo a experimentación e a perda de liñas de financiamento”.
Anunciou, ao respecto, a presentación de iniciativas parlamentarias demandando á Xunta a reactivación e potenciación do CIF de Lourizán, para manter as liñas históricas de investigación e potenciar outras que sexan acordes cos desafíos presentes e futuros do sector forestal galego.