A ONCE prepara o acto central do 75 aniversario do Centro de Recursos Educativos de Pontevedra

Pontevedra
20 de abril 2018

O director do centro, José Ángel Abraldes, visitaba este venres o Concello para invitar o alcalde da cidade a este evento previsto para o 26 de maio. Agárdase que asista o pontevedrés Miguel Carballeda, presidente da Organización Nacional de Cegos

O director do CRE da Once, José Ángel Abraldes, visita o Concello de Pontevedra
O director do CRE da Once, José Ángel Abraldes, visita o Concello de Pontevedra / Paula Sanmartín

O 26 de maio será un día grande para o Centro de Recursos Educativos (CRE) da Organización Nacional de Cegos (ONCE) en Pontevedra. Celebraranse os 75 anos desde que este centro comezou a súa traxectoria converténdose nun dos cinco espazos educativos de referencia para persoas invidentes en territorio español. 

Este venres, o director do CRE, José Ángel Abraldes visitaba o Concello de Pontevedra para convidar o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores a ese acto, que pretende recuperar o mellor das antigas festas colexiais desta institución. Vai levarse a cabo un acto académico, coa presenza de diversas autoridades, entre as que se espera a presenza do pontevedrés Miguel Carballeda, actual presidente da ONCE

Ao longo desa xornada, no edificio da sede en Campolongo ofreceranse diversas actividades para estudantes do centro e antigos estudantes, cunha tómbola escolar, unha comida de confraternidade e unha actividade musical en que aqueles que pasaron por este espazo poden participar nesta iniciativa.

SOLAR EN 12 DE NOVEMBRO

O alcalde de Pontevedra indicou que o grupo de goberno aínda non decidiu a que se destinará a parcela situada nas inmediacións da rúa 12 de novembro, despois de que a ONCE renunciase a construír neste espazo un novo edificio.

Fernández Lores apuntou a que se buscará un uso público o máis rendible posible para a cidadanía de Pontevedra. O alcalde destacou que se trata dunha parcela situada excepcionalmente e que aínda non se tomaron decisións sobre o seu uso futuro.