A ostreira Isabel Seoane Amoedo pon imaxe ao cartel da XXXVI Festa da Ostra de Arcade

Soutomaior
15 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O programa festivo arranca o 31 de marzo coa carreira infantil da ostra cuxa inscrición, gratuíta, xa está aberta

Presentación da XXXVI edición da Festa da Ostra de Arcade
Presentación da XXXVI edición da Festa da Ostra de Arcade / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior daba a coñecer este venres as primeiras pinceladas do programa da próxima edición, a XXXVI, da Festa da Ostra.

Esta mesma semana avanzou a identidade da persoa que para esta ocasión exercerá de pregoeiro e que corresponde ao escritor Manuel Lourenzo, quen tamén estivo presente na convocatoria xunto a responsables do Concello, adegueiros e hostaleiros do municipio.

Lourenzo encomiou as bondades do produto e a cita festiva avanzando que: "trátase dun evento feito co maior dos agarimos e coidados. Unha festa de unión en enxalzará o produto máis típico da parroquia de Arcade. Unha festa de interese turístico á que convido a vir a todo o mundo para descubrir e degustar a ostra e para coñecer todos os atractivos do noso concello".

A primeira das convocatorias da festa será o 31 de marzo cando terá lugar a carreira infantil da ostra na que poden participar menores ata catorce anos, en caso de ser menores de cinco anos terán que estar acompañados por un adulto. A inscrición que é gratuíta xa está aberta ata o 24 de marzo.

O venres 5 de abril procederase á entrega do galardón á ostreira Isabel Seoane Amoedo, a última ostreira de Arcade que traballou na Pedra. As súas mans abrindo ostras son as que serven de imaxe para ilustrar o cartel promocional da Festa da Ostra deste ano. Esa mesma xornada ás 20.00 horas haberá pasacalles coa charanga A Cabeza Non Para e ás 22.30 horas verbena coas orquestras Marbella e Origen.

O programa do sábado 6 de abril comezará ás 11.00 con pasacalles a cargo da charanga Fanfarria Furruxa. Ás 12.00 horas abriranse as casetas de degustación. Ás 20.00 horas actuación da charanga Mekanica Rolling Band e a 22.30 actuación das orquestras América de Vigo e A Fórmula que se compaxinarán cunha tirada de fogos artificiais.

O domingo 7 de abril ás 10.00 horas sairá a Banda Artística de Arcade e a Banda Cultural de Arcade en pasacalles desde o Calvario ata o Peirao. Á 11.00 apertura das casetas de degustación e ás 13.00 horas a lectura do pregón.