Soutomaior aproba o plan de tráfico para a Festa da Ostra

Soutomaior
26 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O documento está dispoñible nas redes sociais do Concello e nos comercios locais

Peirao de Arcade
Peirao de Arcade / Concello de Soutomaior

O goberno local do Concello de Soutomaior deseñou o plan de tráfico e seguridade da XXXVI edición da Festa da Ostra, que terá lugar os días 5, 6 e 7 de abril. 

O plan, configurado pola Policía Local de Soutomaior, ten por obxectivo garantir a seguridade viaria das 30.000 persoas que se estima que virán durante os días que dura a festa. Ao tempo, o plan tamén permitirá minimizar os efectos negativos dos cortes de tráfico para os residentes da zona do Peirao.

O goberno de Soutomaior difundiu nas súas redes sociais o plan de tráfico e seguridade para que a veciñanza o poida consultar. Ademais, tamén se repartirán copias polos establecementos do comercio local para que todo o mundo teña acceso ao documento informativo.

Durante os tres días que dure a Festa da Ostra estará establecida unha zona con acceso preferente a pé, que irá desde o aparcadoiro da estación de tren de Arcade e a rúa Forneira ata a área recreativa do Peirao de Arcade, onde se desenvolverá a festa. Nesta zona só poderán acceder con vehículo as persoas residentes no Peirao, os vehículos de carga e descarga autorizados, as autoridades e as persoas con mobilidade reducida.

Para este último grupo habilitarase ademais unha zona de aparcadoiro onde a rotonda da Ostreira, no peirao, para facilitar a accesibilidade á Festa da Ostra.

Por outra parte, o domingo 7 de abril, día grande da festa, cortarase totalmente o acceso ao peirao a través da rúa Forneira entre as 10:30 e as 16:30 horas. Esta rúa quedará unicamente habilitada para incorporarse á N-550 desde o propio Peirao. Calquera acceso ao peirao durante ese treito horario e en xeral durante todo o transcurso da Festa da Ostra deberá realizarse a través da rúa Rosalía de Castro.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, animou a desfrutar dun evento único. "Esta Festa da Ostra vai ser unha edición moi especial, grazas ao agarimo e traballo que están poñendo os ostreiros, adegueiros, comerciantes locais e todas as persoas que achegan o seu gran de area. Que ninguén se perda a XXXVI Festa da Ostra se quere vivir unha experiencia inesquecible".