A 'papanoelada ciclista' organizada por Arousa en Bici celebrarase este domingo

O Salnés
13 de decembro 2023

A saída será ás 11.30 horas dende a zona peonil dos tilos de Rodrigo de Mendoza. Os organizadores animan aos participantes a acudir disfrazados ou lucindo motivos propios do Nadal e lembran que se leve casco. Ao final do percorrido sortearanse accesorios ciclistas entre os asistentes

Papa Noel percorre en bicicleta as rúas de Vilagarcía Concello de Vilagarcía de Arousa

A asociación Arousa en Bici e o Concello de Vilagarcía volven a colaborar para organizar o II Paseo Navideño en Bici, tamén coñecido como a 'papanoelada ciclista'. 

A actividade desenvolverase o domingo, 17 de decembro, a partir das 11.30 horas. A peculiaridade deste paseo de inverno é que se anima aos participantes a acudir disfrazados ou lucindo motivos propios do Nadal. Ao remate do percorrido sortearanse accesorios ciclistas entre os asistentes.

Con esta actividade, ademais de continuar promovendo o uso da bicicleta pola cidade, Arousa en Bici e o Concello tamén queren contribuír a dinamizar e encher as rúas de ambiente de Nadal.

A iniciativa, que se celebrou por vez primeira o ano pasado, imita ás que dende hai anos se desenvolven noutras cidade e que reúnen a afección polos paseos en bicicleta coa diversión e animación propias destas festas.

O paseo sairá da zona dos tilos de Rodrigo de Mendoza, ao pé da ciclovía que transcorre pegada ao río do Con, para continuar polo paseo García de Caamaño e coller cara o Cavadelo e a avenida da Mariña. O pelotón xirará no Ramal e seguirá polo carril bici da TIR e o parque do Centenario cara Vilaxoán por beiramar, dando a volta na zona do Preguntoiro para regresar polo mesmo camiño.

A actividade diríxese a público de todas as idades, incluso aos máis cativos que teñen que circular con rodiñas de apoio, xa que o percorrido lúdico farase a unha velocidade moi reducida. Lémbrase aos participantes que non esquezan levar o casco.