A partir do 22 de xuño Sanxenxo estreará un servizo de transporte urbano

Sanxenxo
15 de xuño 2024

O servizo estará integrado no sistema de tarifas único e bonificado activado pola Xunta de Galicia

Telmo Martín, Diego Calvo e Raúl López
Telmo Martín, Diego Calvo e Raúl López / Concello de Sanxenxo

Sanxenxo estreará o próximo 22 de xuño e ata o 8 de setembro un novo servizo urbano de transporte público municipal cunha lanzadeira e dúas liñas circulares. 

O alcalde, Telmo Martín; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente de Monbus, Raúl López, en representación da UTE XG-626, asinaron esta semana un convenio para a implantación este servizo, integrado no sistema de tarifas único e bonificado, activado pola Xunta de Galicia. 

O obxectivo é contribuír a reducir o uso de vehículos particulares e fomentar a mobilidade sostible do municipio, así como a súa promoción turística.

Os usuarios das novas liñas municipais poderán beneficiarse dos descontos e vantaxes da Tarxeta de Movilidad de Galicia (TMG), con bonificacións que na actualidade chegan ao 50%. Ademais, os menores de 21 anos poderán realizar 60 viaxes ao mes de modo gratuíto coa Tarxeta Xente Nova e todas as persoas maiores de 65 anos coa TMG viaxarán gratis. 

O custo de implantación dos novos servizos de transporte público urbano en Sanxenxo ascende a 162.740 euros ao ano e será sufragado polo Concello.

O prezo do billete será de 1,55 euros sen desconto

A medida desenvolverase este ano coa posibilidade de prórroga. O prezo do billete será de 1,55 euros sen desconto.

O acordo establece a implantación de dúas liñas circulares, con dous autobuses, coa igrexa de Sanxenxo como punto de inicio e fin, que percorre de forma lineal todo o municipio con 58 paradas nun tempo estimado de 50 minutos. Unha transcorrerá por Vilalonga e a outra pola Lanzada, con saída e chegada á igrexa de Sanxenxo. 

En total súmanse seis paradas novas con respecto ás xa existentes no municipio: Iglesia de Sanxenxo, Hotel Terraza, Paxariñas, Hotel Atlántico, Delfín Azul e Vinquiño-Tanatorio. Haberá 32 expedicións diarias, tanto de ida como de volta, con saídas cada hora desde as 8 ata a 23 hora no caso das idas, e desde as 8:30 ata as 00:30 no caso das voltas.

Ademais, poñerase en marcha un novo servizo de lanzadeira desde o parque empresarial de Nantes con paradas no Hotel Terraza e en Baltar (rotonda Hipercor) cunha duración estimada de 15 minutos. 

O Concello acondicionará unha parcela municipal próxima á subestación eléctrica como aparcamento gratuíto para os usuarios da lanzadeira. Haberá 32 expedicións diarias cada media hora, entre as 8 e as 23:30 horas. A través desta iniciativa búscase dar resposta as necesidades de mobilidade colectiva detectadas en Sanxenxo, conectando diversos puntos do Concello e servindo de conexión cos servizos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral. A medida permitirá tamén diminuír a conxestión viaria.