A perda auditiva, unha "discapacidade invisible" que afecta a unha persoa por fogar

Pontevedra
10 de xuño 2016

Con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas o próximo 14 de xuño, o Concello de Pontevedra e a Organización de Xordos de Galicia (Xoga) poñen o foco sobre unha serie de reivindicacións necesarias para mellorar esa vida diaria, que pasan por estender a formación do conxunto da poboación en lingua de signos e mellorar a resposta das administracións públicas ás súas necesidades

Carmen Fouces e representantes da asociación Xoga presentan o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas
Carmen Fouces e representantes da asociación Xoga presentan o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas / Mónica Patxot

O próximo 14 de xuño, con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, Pontevedra será escenario unha vez máis de actividades de sensibilización sobre o día a día das persoas con perda auditiva, pero tanto o Concello como a Organización de Xordos de Galicia (Xoga) queren poñer o foco sobre unha serie de reivindicacións necesarias para mellorar esa vida diaria e que pasan por estender a formación do conxunto da poboación en lingua de signos e mellorar a resposta das administracións públicas ás súas necesidades.

Estas reivindicacións teñen como obxectivo "mellorar a calidade de vida" a unha parte maior da poboación da que podería parecer, pois, segundo os datos que achega a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, na provincia de Pontevedra hai 15.000 persoas con perda auditiva. De media, as estatísticas apuntan a que "por cada fogar hai unha persoa con perda auditiva" e, con todo, practicamente non se escoitan as súas reivindicacións porque, como indica a concelleira de Benestar Social de Pontevedra, "non fan ruído e somos unha sociedade na que se non fas ruído non existes".

María Jesús Monterde ten outra explicación: "Somos a discapacidade invisible". E para cambiar esa situación resultan fundamentais as reivindicacións nas que insistirán o próximo 14 de xuño. Con motivo da conmemoración, Carmen Fouces aproveitou para reivindicar desde o Concello de Pontevedra que as administracións educativa, sanitatria e de Xustiza, todas as que teñen unha relación directa coa cidadanía, "teñan a ben coñecer a linguaxe de signos". 

A petición esténdea ao sector da hostalería e implica, como unha das súas "teimas" máis importantes, que todos os cidadáns teñan formación en linguaxe de signos desde idades moi temperás, xa na etapa educativa, do mesmo xeito que sucede noutros países do mundo. 

En relación coas actividades de sensibilización, o día 14 de xuño ás 9.30 horas entregarán ao Concello de Pontevedra unha Carta de Recomendacións que fan extensivas a todas as administracións públicas para cumprir a Lei 13/2014, do 30 de outubro, de accesibilidade sobre barreiras de comunicación. Tamén se colocará unha pancarta no balcón da Casa Consistorial e enviarase un vídeo a todos os funcionarios de administracións públicas para que teñan a man cando teñan que atender a unha persoa con perda auditiva e, así, saiban como dicirlles frases de saúdo ou accións de atención básicas. 

O día previo á conmemoración do Día Nacional das Linguas de Signos, o luns 13 de xuño, organizarán un taller no colexio A Xunqueira I para cantar o himno galego en linguaxe de signos co alumnado de tres anos. Elixiuse este centro porque hai un escolar con perda auditiva e esa actividade porque a canción interpretouse por primeira vez o ano pasado nesta lingua con motivo do programa Hefesto con gran éxito.