A pesca e o marisqueo reforzan a súa seguridade ante o coronavirus

Pontevedra
16 de marzo 2020

A Consellería do Mar enviou ás confrarías de pescadores unha serie de recomendacións para o desenvolvemento da actividade nas lonxas, nos barcos de pesca e nos bancos e puntos de control marisqueiro ante a situación do coronavirus

Un mariñeiro nun barco de pesca
Un mariñeiro nun barco de pesca / Xunta de Galicia

Como ocorre co sector agrogandeiro, a actividade tamén continúa no sector pesqueiro para prover de alimentos á poboación. A Consellería do Mar enviou ás confrarías de pescadores unha serie de recomendacións para o desenvolvemento da actividade nas lonxas, nos barcos de pesca e nos bancos e puntos de control marisqueiro ante a situación do coronavirus.

O executivo galego aconsella reducir a actividade presencial nas lonxas, limita a asistencia ás poxas a 50 persoas e impide a presenza nelas de persoas alleas ao comercio de produtos do mar.

Recomenda á frota que realice controis á tripulación previos ao seu embarque para asegurarse de que non teñen a enfermidade e insta a chamar ao Centro Radio Médico en caso de sospeitar da existencia dun positivo a bordo.

A Consellería do Mar pide ademais non realizar actividades marisqueiras a aquelas persoas máis vulnerables por motivos de saúde ou que teñan menores ou maiores ao seu cargos e solicita o reforzo das medidas de limpeza e hixiene a todos os profesionais e en todas as instalacións e o cumprimento dos consellos sobre o mantemento das distancias para evitar posibles contaxios.

A Consellería do Mar tamén elaborou un protocolo de servizos esenciais que rexerá a actividade portuaria durante o tempo de vixencia das medidas especiais derivadas da emerxencia sanitaria. Este protocolo de servizos esenciais oriéntase a garantir a actividade portuaria pesqueira, facilitando o subministro de servizos básicos aos mercados, e evitar a propagación do virus nos peiraos de titularidade autonómica.

Entre outras medidas destaca que en todos os peiraos serán atendidos por alomenos un celador con capacidade de asistencia presencial. Nas instalacións náutico recreativas a circulación de persoas e vehículos queda restrinxida a necesidades básicas. Ademáis, o servizo de practicaxe mantense en casos de necesidade inevitable.