Un día "histórico" para Bueu. Así destacaron Carmela Silva e Félix Juncal o que supón para o concello o convenio que ambos asinaron para impulsar a construción dunha piscina municipal cuberta. Será financiada pola Deputación e o propio Concello.
O goberno provincial aportará millón e medio dos 2,8 millóns que custará esta infraestrutura e o Concello garante a achega dos cartos restantes. Ambas partes, ademais, invitaron á Xunta a unirse a este convenio porque entenden que sería "inexplicable" que financie as piscinas de toda a comarca menos a de Bueu.
O proxecto está incluído no plan de reequilibrio da Deputación e suporá, recordou o alcalde, resolver unha demanda histórica da veciñanza e unha das prioridades que tiña o Concello desde hai máis dez anos.
Carmela Silva mostrouse segura de que, cando dentro de ano e medio se inaugure a piscina, "poderemos ver a felicidade dos veciños e veciñas por ter un equipamento que é o seu dereito". Asegurou que será parte da "pegada" que este goberno provincial busca deixar por toda a provincia, respectando os proxectos que queren os propios concellos.
Pola súa parte, Félix Juncal, resaltou que grazas á Deputación "hoxe comeza a conta atrás" para que Bueu poida contar cunha piscina municipal, que "non só é un equipamento deportivo, senón que tamén é unha infraestrutura de benestar, de calidade de vida e de saúde".