A plataforma contraria ao parque eólico do Castrove convida os comuneiros a visitar un polígono para "vivir a experiencia"

Pontevedra
13 de setembro 2021

O colectivo veciñal critica o comunicado emitido polas comunidades de montes afectadas nas que aseguraban carecer de información suficiente sobre o proxecto e reivindican o seu dereito para expresar a súa postura contraria a esta intervención  

Andaina contra o Parque Eólico de Monte Castrove
Andaina contra o Parque Eólico de Monte Castrove / Plataforma vecinal Non ao Parque Eólico do Castrove

A plataforma contraria ao proxecto do parque eólico do Monte Castrove sae ao paso do comunicado emitido polas comunidades de montes propietarias dos terreos no que pedían que non se politice o conflito, ao mesmo tempo que lembraban o seu dereito para decidir democraticamente que facer cos seus montes e pedían máis información para poder tomar a mellor decisión. 

Por iso, desde a plataforma pola defensa do Monte Castrove queren deixar claro que "non somos de ningún partido político, somos unha plataforma veciñal creada para a información e defensa dos veciños afectados". Asumen que a decisión corresponde ás comunidades de montes afectadas, pero "pensamos que teñen que ter en conta que representan unha parte da poboación, e que non teñen autoridade para descalificar aos que lexítimamente estamos en contra", puntualizan.

Co obxectivo de que sigan recompilando información sobre esta clase de intervencións, desde a plataforma animan aos comuneiros para poñerse en contacto con outros concellos afectados, a falar con comuneiros doutros lugares que coñezan de primeira man este tipo de infraestruturas e mesmo a visitar un parque eólico "para vivir directamente a experiencia". 

Así mesmo consideran "desafortunado" o argumento de que aínda non contan con información suficiente sobre o proxecto cando xa está publicado o documento de impacto ambiental e que a propia plataforma organizou unha charla con expertos para informar os veciños. Con todo, aplauden a decisión de contratar a un técnico para que realice un estudo independente sobre a conveniencia deste parque eólico.

"O noso obxectivo é poder seguir vivindo no rural e coidar do monte que é de todos, porque se danamos o lugar no que vivimos, estamos perdendo toda a nosa riqueza e calidade de vida. Agardamos que, como din os estatutos das comunidades de montes, estas foron creadas para protexer o monte", conclúen o comunicado dirixido aos comuneiros de San Xoán de Poio, Campañó, Curro, San Tomé de Nogueira, San Vicente de Nogueira e San Salvador de Meis

Arquivado en