A policía falecida nun tiroteo cun atracador en Vigo residía en Pontevedra

Pontevedra
28 de novembro 2014

Vanessa María Lage Carreira era natural da Coruña e traballaba en Vigo, pero tiña o seu domicilio na capital, dende onde se desprazaba para prestar servizo na Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Comisaría da Policía Nacional. Faleceu no Hospital Meixoeiro tras recibir varios disparos dun atracador que faleceu no mesmo incidente  

Operativo dos servizos de urxencia polo roubo do banco en Vigo
Operativo dos servizos de urxencia polo roubo do banco en Vigo / TVE

Vanessa María Lage Carreira, a oficial de policía falecida este venres no trascurso dun tiroteo cun atracador en Vigo, residía na cidade de Pontevedra. A moza era natural da Coruña e traballaba en Vigo, pero tiña o seu domicilio na capital, dende onde se desprazaba para prestar servizo na Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Comisaría da Policía Nacional, segundo confirmaron axentes destinados á Comisaría pontevedresa.

A muller recibiu polo menos tres tiros no pescozo e presuntamente tamén no peito cando lle deu o alto a un atracador que posteriormente tamén resultaría falecido. Nun primeiro momento quedou tirada no chan da rúa Doutor Carracido de Vigo, foi atendida por varios compañeiros policías e polos servizos médicos que se desprazaron ao lugar. Conseguiron reanimala e foi trasladada ao Hospital Meixoeiro, pero falecía pouco despois. No momento do tiroteo non levaban chaleco antibalas nin ela nin o seu compañeiro que resultou ferido.

A muller, de 36 anos e que ingresou no Corpo Nacional de Policía no ano 2005, será velada previsiblemente nunha capela ardente que se instalará na Comisaría de Vigo, se ben a decisión final será da familia. Si transcendeu que o enterro se celebrará en Guitiríz.

No mesmo tiroteo no que faleceu esta policía caeu abatido o atracador que desencadeara o enfrontamento e resultou ferido de gravidade o seu compañeiro de patrulla, o subinspector de 41 anos Víctor A.B., que segue loitando pola súa vida con cinco impactos de bala no Hospital Xeral Cíes de Vigo. A subdirectora do banco, que fora tomada como refén, sofre unha ferida nun brazo e recupérase no Hospital Povisa.

O desencadeante dos feitos foi un atraco rexistrado sobre as 14.15 horas deste venres na sucursal de Abanca na rúa Doutor Carracido,en o barrio do Calvario. Cando o atracador entrou, o pesonal puido avisar a Policía, de modo que cando se dispuxo a abandonar a oficina, portando o botín, xa o esperaba fóra unha patrulla, na que estaba a moza falecida.

A patrulla chegara e, ao velo, botouse a un lado e esperouno fóra. El saiu coa subdirectora do banco como refén e armado cunha pistola do calibre nove milímetros 'parabéllum' e dous cargadores. Os policías déronlle o alto e empezou a dispararlles, chegando a alcanzar ambos os dous con varios disparos. Tamén arremeteu contra unha segunda patrulla policial que acudiu como respaldo.

Finalmente, os dous axentes e a refén resultaron feridos (Vanessa logo falecida) e o atracador tamén caeu abatido e faleceu no acto. Resultou ser un delincuente con antecedentes policiais por delitos violentos.