A Policía Local localiza a dous homes sobre os que pesaban ordes de detención xudicial

Pontevedra
16 de decembro 2023

Foi esta semana no transcurso dun control de alcol e drogas. Un dos ocupantes do vehículo parado estaba moi nervioso, polo que a Policía decidiu identificar aos cinco ocupantes do coche: dous homes, dúas mulleres e unha cativa

Axentes da Policía Local
Axentes da Policía Local / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra localizou esta semana dous homes fugados da xustiza. 

A detención realizouse ás 01.00 da madrugada do mércores, 13 de decembro, durante un control de prevención de alcol e drogas realizado na rotonda da igrexa de San Bieito, na parroquia de Lérez.

No dispositivo, os axentes pararon a un vehículo que estaba conducido por unha muller de 19 anos. Durante a proba de alcoholemia, os axentes observan como o home que ía no asento do acompañante estaba moi nervioso, polo que lle foi requirida a súa identidade. Este home, de 27 anos, tiña unha reclamación xudicial de detención e ingreso en prisión ditada por un xulgado penal de Pontevedra. 

Nese momento, a Policía convídao a baixarse do vehículo e proceden a súa detención. No seu cacheo atópanlle 1.100 euros en efectivo.

Na parte traseira, ían outras tres persoas: dous adultos e unha menor duns 4-5 anos. A Policía comproba que un dos adultos era unha muller de 33 anos que resultou seu a nai da cativa. O outro adulto era un home de 23 anos cunha reclamación xudicial de detención e comparecencia nun xulgado de primeira instancia e instrución de Canarias, polo que tamén foi detido.

Finalmente, os axentes rexistraron o vehículo e comprobaron que no seu interior había haxix e marihuana, que foron intervidas e denunciadas.