A ponte da Barca permanecerá aberta ata despois das Festas da Peregrina. As obras de rehabilitación integral que impulsa a Xunta de Galicia cambiaron o seu calendario e, aínda que comezarán a próxima semana cunha serie de traballos previos, non será ata o 20 de agosto cando se comece a actuar sobre a ponte.
Tras unha reunión coa administración autonómica e a empresa que executará estes traballos, o edil de Infraestruturas, César Mosquera, explicou que as obras comezarán coa instalación das estadas, que ocuparán parte da avenida das Corbaceiras, e con actuacións sobre a estrutura inferior.
O goberno municipal trasladou a súa preocupación sobre os problemas que causaría, en plenas festas, cortar a circulación peonil da ponte nun dos lados, ante o elevado número de persoas que o utilizan durante estes días.
Ademais, Mosquera indicou que no seu plan inicial a Xunta non tivo en conta que a rúa Echegaray non está cortada ao tráfico senón que só ten restricións nin tampouco se reparou nese aumento do fluxo peonil.
O cambio no calendario de obras non afectará, por tanto, ao dispositivo de mobilidade e seguridade deseñado para as inminentes festas patronais.
A reforma ten un prazo de execución de cinco meses. O goberno municipal expresou tamén a súa preocupación polo atraso destes traballos, xa que segundo César Mosquera durarán todo o outono e os temporais poden afectar ao seu bo desenvolvemento.