A asociación de apoio á actividade ciclista, Pedaladas, aproveita o peche ao tráfico da rúa Alameda e Raíña Vitoria para reivindicar a súa petición dunha solución para a Ponte da Barca.
Os integrantes deste colectivo afirman que o peche destas rúas canaliza todo o tráfico rodado a través das alternativas que proporcionan a Ponte das Correntes e a ponte da autoestrada AP-9. Sinala que estes tráficos son de paso, usan a cidade como atallo por aforrar uns centos de metros afectando o tráfico habitual da cidade.
Pedaladas reclama aos Concellos de Poio e de Pontevedra, ademais de á Xunta de Galicia, unha reforma da Ponte da Barca no que se estableza sentido único motorizado, dobre para bicicletas e beirarrúas que cumpran coa actual lexislación, que marca itinerarios peonís cun mínimo de 180 centímetros de sección.
Indican que actualmente en relación á mobilidade en bicicleta hai un problema de visibilidade na rotonda situada no extremo da ponte en Poio, mentres que en Pontevedra obriga a entrar por Paseo de Colón no canto de permitir ir ao centro de maneira directa. Entenden que a solución dun carril único motorizado ofrecerá unha solución económica, sustentable e viable para o tráfico motorizado. Este colectivo afirma que non existe problema técnico algún para levar a cabo esta reforma.