A Praza de España de Ponte Caldelas estrea WiFi gratuíta

Ponte Caldelas
11 de abril 2019

O servizo, que require dun enderezo electrónico hábil, inclúe un filtro  de contidos para previr usos inadecuados

Instalación da rede WiFi na Praza de España de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

A Praza de España e a Alameda de Ponte Caldelas converteranse nun espazo tecnolóxico urbano coa instalación dun servizo gratuíto de WiFi.

O Concello ten previsto habilitar o servizo este venres 12 de abril tras finalizar a instalación dos puntos de acceso.

Para garantir o seu uso responsable, contará cun hardware específico para filtrar contidos e evitar páxinas ou portais con contidos inadecuados ou perigosos, tendo en conta a posibilidade de acceso por parte de menores de idade.

En canto ao modo de uso, será necesario introducir unha dirección electrónica, nome e apelidos. Só se permitirá unha conexión diaria e cunha duración máxima dunha hora. O ancho de banda pode chegar ata 5 megas ao segundo, en función do número de usuarios conectados, tendo en conta que o ancho total contratado polo Concello é de 350 megas.

A rede WiFi, bautizada como "Ponte Caldelas está de moda!", estará aberta a calquera tipo de dispositivo (computador, teléfono móbil ou tableta) e será compatible cos diferentes sistemas operativos.

Esta iniciativa súmase á aposta tecnolóxica que supuxo a inclusión de cargadores USB para móbiles nos bancos da praza.