O concelleiro de Obras, Luis Bará explicou que na Comisión de Infraestruturas celebrada este luns abordouse o proxecto de creación dunha gran praza diante do Hospital Provincial. Este proxecto será licitado nos próximos días e o propósito é que todo o procedemento administrativo poida estar resolto no prazo duns tres meses.
Luís Bará recordou que se trata de facer unha gran praza entre a rúa Cobián Areal e as Urxencias do Hospital, que terá unha superficie aproximada duns 1.200 metros cadrados que se urbanizarán en lastro de pedra e formigón.
Esta obra, que terá un custe de licitación de 417.000 euros, suporá unha transformación moi substancial neste ámbito incrementando a súa calidade urbana.
Aínda que será unha praza pública, será compatible co tráfico rodado en circunstancias excepcionais como nos desfiles de Reis, do Entroido ou calquera outra actividade destas características.