O próximo goberno local de Pontevedra adxudicará a peonalización da fronte do Hospital

Pontevedra
09 de marzo 2015

A xunta de goberno aprobou o proxecto de mellora sacándoo a licitación. O seguinte paso será a súa publicación nos boletíns oficiais para que as empresas interesadas en facerse con esta obra poidan presentar as súas ofertas. Raimundo González estima que o inicio do procedimento de contratación será no mes de xuño, despois dos comicios municipais

Hospital Provincial de Pontevedra
Hospital Provincial de Pontevedra

O novo goberno local que saia das urnas o próximo 24 de maio adxudicará o proxecto de peonalización da fronte do Hospital Provincial.

Segundo informou o voceiro do goberno local, Raimundo González, a xunta de goberno celebrada este luns aprobou o proxecto de mellora sacándoo a licitación. O seguinte paso será a súa publicación nos boletíns oficiais para que as empresas interesadas en facerse con esta obra poidan presentar as súas ofertas.

Raimundo González estima que o inicio do procedimento de contratación será no mes de xuño, despois dos comicios municipais.

A obra ten un importe de 417.252,52 euros e consiste na peonalización completa do tramo de 90 metros lineais da rúa Loureiro Crespo, a que corresponde á fachada do Hospital Provincial.

A reforma abrangue unha superficie total de 1.200 metros cadrados para crear unha "un centro de confluencia das persoas do barrio nunha zona con deficiencia de espazos públicos". Para iso crearase unha gran praza pública con plataforma única, mobiliario urbano e arborado.