A presidenta da Deputación lamenta que "haxa mulleres que non se somen á loita pola igualdade"

Pontevedra
22 de xullo 2016

Carmela Silva afirmou "non comprender" como pode haber "unha soa muller responsable política" que sexa "incapaz de entender" que o que está a defender a Deputación de Pontevedra "non só é á presidenta da institución" senón que se actúa contra a "mensaxe" que se traslada á sociedade de que "poden insultar vostedes o que lles pareza porque iso é normal segundo di unha xuíza", declarou

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, lamentou que "haxa mulleres que non se somen á loita pola igualdade".

Carmela Silva fixo estas declaracións despois de participar en Moaña na apertura do primeiro Cume de Alcaldesas que baixo o lema " Política en Feminino: unha nova perspectiva nos municipios" pretendía reunir ás 39 rexedoras existentes en Galicia, aínda que faltaron á cita as mulleres do Partido Popular. Un feito que lamentou Carmela Silva xa que dixo "a loita pola igualdade non ten que ter cor partidaria, ten que ser un obxectivo común".

Ademais Silva lamentou que as mulleres só ostenten o 12,4 % das alcaldías galegas. "Este dato é un drama", sinalou.

Nesta reunión estivo moi presente o auto da xuíza de violencia de xénero no que non aprecia delito en chamar "mala zorra", "furcia" e "hija de puta" á presidenta da Deputación.

"Están todas moi preocupadas", afirmou Carmela Silva respecto da "incomprensión e sorpresa" das mulleres presentes no cume de Moaña, "todas coinciden en que estes insultos gravísimos non poden ser entendidos como unha relación normal no ámbito da política", engadiu.

Carmela Silva recolleu a solidariedade das súas compañeiras e afirmou "non comprender" como pode haber "unha soa muller responsable política" que sexa "incapaz de entender" que o que está a defender a Deputación de Pontevedra "non só é á presidenta da institución" senón que se actúa contra a "mensaxe" que se traslada á sociedade de que "poden insultar vostedes o que lles pareza porque iso é normal segundo di unha xuíza", declarou.

A presidenta da Deputación de Pontevedra referíase deste xeito á reacción da coordinadora de organización do PP de Pontevedra e alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, quen celebrou que a xustiza desestime a denuncia contra o ex edil do Partido Popular do seu municipio, Jorge Caldas. A alcaldesa popular chegou a acusar a dirixente socialista de "tratar de enturbar a vida política, de forma claramente partidista, a través da xustiza".

"Me entristece profundamente que haxa mulleres que non se somen á loita pola igualdade", respondeu Carmela Silva. E aclarou que "eu non admito desculpas cando se profiren insultos sexistas contra as mulleres" dixo respecto da dimisión do edil do PP, porque "ten que haber unha sanción para que as mulleres saiban que están protexidas polo Poder Xudicial".

"Para min é unha prioridade política defender a igualdade", sentenciou Carmela Silva.