Preto dunha trintena de persoas participaron este domingo na primeira cita do programa Andainas de Primavera, organizado polo departamento municipal de Mocidade. Foi cunha visita para coñecer a fachada litoral de Castrelo, no concello de Cambados.
A través deste tipo de rutas guiadas, que contan con tres horas e media de duración, os participantes teñen a posibilidade de visitar lugares emblemáticos da provincia de Pontevedra, ao mesmo tempo que se fomentan os hábitos saudables ao aire libre.
A próxima cita será o 8 de maio, cunha excursión a Ponte Sampaio. Para este mes tamén queda fixada unha visita á fervenza do Segade, en Caldas de Reis (15 de maio).
Por último, no mes de xuño o programa pecharase con saídas a Cangas do Morrazo (día 5), onde se cubrirá a súa senda costeira, á ruta da Liberdade, no concello da Lama (día 12) e outra á Senda de Barragán, en Pazos de Borbén (día 19).
A saída realízase desde as inmediacións do Concello de Poio, con retorno ao mesmo lugar.
As persoas interesadas en inscribirse deberán facelo chamando ao número de teléfono 986872401 ou enviando un correo electrónico á dirección xuventude@concellopoio.org.
Tamén é posible darse de alta de xeito presencial, nas dependencias da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), na Casa Rosada.
Esta actividade é gratuíta e está aberta a persoas de diferentes idades, se ben os menores deberán ir acompañadas dun adulto.
En cada unha destas visitas haberá unha persoa que se encargará de exercer de guía e que contará con material de observación, como lupas, prismáticos e telescopio.