A primeira fase da mellora da estrada vella de Marín suporá expropiar 12 fincas e poderá estar en obras en 2022

Pontevedra
20 de setembro 2021

A obra supón neste primeiro momento actuar sobre 500 metros desta vía na contorna de Estribela. Suporá instaurar un límite de velocidade a 30 quilómetros por hora e construír tres pasos de peóns sobreelevados, todos coa correspondente iluminación, ademais de garantir que teña actuais beirarrúas dun mínimo de dous metros de ancho

Presentación do proxecto de acondicionamento da estrada autonómica PO-546 na contorna de Estribela
Presentación do proxecto de acondicionamento da estrada autonómica PO-546 na contorna de Estribela / PontevedraViva

A primeira fase da actuación de mellora integral da estrada autonómica PO-546, a coñecida como estrada vella de Marín, está xa encamiñada e desde este luns poderá consultarse xa publicamente o proxecto de acondicionamento, que supón neste primeiro momento actuar sobre 500 metros desta vía na contorna de Estribela. O obxectivo da Xunta de Galicia é que a obra poida licitarse no primeiro trimestre de 2022 e estar en obras no verán. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, compareceu este luns ante os medios de comunicación acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López; e o xefe do servizo provincial da consellería, Manuel Ángel González Juanatey, para presentar o proxecto e deu a coñecer que se somete a información pública este proxecto e a relación de bens afectados, pois a actuación suporá a expropiación de 12 propiedades. 

Entre as propiedades a expropiar non hai ningunha vivenda habitada, pero si algunha construción abandonada e medio derrubada que hai que rematar de derrubar para permitir poñer en marcha este proxecto. En total, destinaranse  31.630.20 euros á expropiación forzosa dos bens afectados.

Os representantes autonómicos deron a coñecer os detalles do proxecto, que busca mellorar a seguridade viaria e suporá instaurar un límite de velocidade a 30 quilómetros por hora e construír tres pasos de peóns sobre elevados, os coñecidos como 'lombos', todos coa correspondente iluminación, ademais de garantir que teña actuais beirarrúas dun mínimo de dous metros de ancho.

A actuación suporá a remodelación da sección transversal da estrada, ampliando os anchos das actuais beirarrúas, fresado e reposición de firme e execución de pasos de peóns sobre elevados, mellora da iluminación do treito, substitución de refuxios nas paradas do autobús, reposición de elementos de drenaxe e servizos afectados e reposición da sinalización.

Ethel Vázquez lembrou que é "unha obra moi demandada desde hai tempo" e que o proxecto tardou en elaborarse e supón un investimento elevado (868.331,57 euros para un tramo de 500 metros) porque o deseño actual da estrada fai "complicado" o proxecto de mellora. É unha estrada moi humanizada, cun fluxo de tráfico intenso, con moitos desniveis que chegan a ser de oito ou dez metros e con tramos sen beirarrúas ou con espazo insuficiente para garantir a mobilidade sostible e segura dos peóns. 

"É unha actuación complexa e por iso levamos tempo buscando solucións", explicou a responsable autonómica, que tamén avanzou que esta semana terán unha xuntanza cos veciños afectados para explicarlles o proxecto.

Manuel González Juanatey explicou que este proxecto deseñouse para cumprir dous obxectivos fundamentais, fomentar a mobilidade sostible e mellorar os itinerarios peonís actuais. Para logralo, dividiron o tramo de 500 metros a mellorar en tres fases e en cada unha delas instalarán un paso de peóns elevado, nunha tamén un muro de mampostería e noutra un estrutura de formigón en voadizo. Desta maneira, poderase garantir que haberá beirarrúas dun mínimo de dous metros de ancho en toda a estrada, dous carrís de circulación, zonas de estacionamento e marquesiñas para agardar o autobús. 

As persoas interesadas en consultar o proxecto poderán facelo na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano en Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra (avenida María Victoria Moreno de Pontevedra), no Concello de Pontevedra (Michelena) e na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/organizacion/c/CIV_Axencia_Galega_de_Infraestruturas). Ábrese un prazo de 30 días hábiles para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito as súas alegacións. Poderán facelo ata o 3 de novembro.