Desde que a compañía Pontevedresa Group comezou a fabricar as súas innovadoras mamparas de vidro, os pedidos non paran de chegar. Un dos últimos, a través da iniciativa #PonteLovers. El Cafetín é o primeiro establecemento de Pontevedra en estrealas.
Este tipo de mamparas, pensadas para protexer aos profesionais da hostalería e aos seus clientes, foi customizada co anagrama da iniciativa #PonteLovers e leva un código QR vitrificado no vidro que leva directamente ás redes dixitais da plataforma.
"É unha proba piloto da cal elaboramos catro mamparas e que abre a posibilidade de adaptar os QR, nun futuro, a cartas de menús e a diversos tipos de aplicacións dixitais nos ámbitos da hostalería e o comercio local", explica Iago Barbeito desde a empresa fabricante.
Rubén González, responsable de El Cafetín, amosouse moi satisfeito cun recurso de protección "á vez atractivo e estético", ata o punto de que xa lle propuxo ao fabricante a posibilidade de facer uns modelos pequenos para as mesas, con códigos QR, para crear cartas dixitais.
Nesta nova situación, asegura o hostaleiro, "é necesario realizar este tipo de modificacións e pelexar para adaptarnos aos clientes e facer que se sintan seguros, xa que precisamos que volvan, que consuman e que aposten polo comercio local e pola nosa cidade".
O concelleiro Iván Puentes, en nome do goberno municipal, agradeceu a ambas empresas a súa decisión de participar en iniciativas como #PonteLovers, "que permiten reinventarnos e acadar novas oportunidades para o ben de todos".
A este respecto, o edil socialista recorda que a hostalería foi un dos sectores "que peor o pasou e o está pasando" nesta crise sanitaria, polo que fixo un chamamento para que a cidadanía lembre que "precisan da nosa axuda, do noso consumo e da nosa asistencia".