A procesión dos Pasos sae a pesar da choiva, pero acurta o percorrido

Pontevedra
18 de abril 2019

A ameaza de choiva pesou como unha espada de Damocles sobre a celebración da procesión dos Pasos deste Xoves Santo durante toda a tarde, pero finalmente a auga deu unha tregua e volveu saír un ano máis. Neste caso, iso si, co percorrido máis curto do habitual  

Procesión dos Pasos do Xoves Santo 2019 Diego Torrado

A ameaza de choiva pesou como unha espada de Damocles sobre a celebración da procesión dos Pasos deste Xoves Santo durante toda a tarde, pero finalmente a auga deu unha tregua e volveu saír un ano máis. Neste caso, iso si, co percorrido máis curto do habitual. 

O percorrido tivo que acurtarse sobre a marcha, desviándose polos Soportais para evitar que os ballóns caesen sobre os pasos e deixasen danos irreparables nunhas imaxes especialmente delicadas. O novo percorrido, ademais, provocou que a cabeza e a cola da procesión chegasen a cruzarse na contorna da praza de España. 

A tradicional procesión dos Pasos é unha das máis concorridas e vistosas da Semana Santa pontevedresa, que percorre as rúas do centro histórico con saída e chegada á basílica de Santa María. 

Como é habitual, saíron á rúa, tras a Cruz Parroquial, os pasos da Cea de Confraría da nosa Nai da Maior Dor; a Oración no Horto e o Bico de Judas da Confraría da nosa Señora do Amor Fermoso; Jesús Cativo e paso da Flaxelación da Confraría do Silencio e a Orde Franciscana Seglar; Jesús atado á columna da Confraría do Corpo Santo; o Ecce Homo da Confraría do Espírito Santo; a Cruz ao lombo da Confraría do noso Pai Jesús coa Cruz ao lombo; e o Paso do Santísimo Cristo da Expiración e Virxe da Soidade da Confraría da Vera Cruz e Misericordia.

Este Venres Santo continúan os actos relixiosos e procesións, que comezan xa pola mañá, ás 9.30 horas, coa Procesión do 'Encontro' con Viacrucis Penitencial. A imaxe de Cristo coa Cruz ao lombo, con acompañamento de homes, sae da Basílica de Santa María; e a da Virxe, con mulleres, de San Bartolomé. O encontro farase na Praza de Teucro, con sermón. 

Xa pola tarde, a partir das 20.00 horas partirá da basílica de Santa María a Procesión xeral do Santo Enterro. Procesionarán o Calvario, o Cristo crucificado da Confraría do Corpo Santo; A nosa Señora do Amor Fermoso e a Verónica da Confraría da nosa Señora do Amor Fermoso; Virxe da Maior Dor da Confraría da Maior Dor; A nosa Señora das Angustias da Confraría do Silencio; Cristo xacente da Confraría do noso Pai Jesús coa Cruz ao lombo; Virxe da Misericordia da Confraría da Vera Cruz e Misericordia; e Santa Cruz da Confraría do Espírito Santo. Pechará a comitiva o Lignum Crucis.