A provincia de Pontevedra recibiu en xullo preto do 40% dos visitantes que chegaron a Galicia

Pontevedra
30 de agosto 2024

O 74% eran turistas residentes en España procedentes na súa maioría de Madrid, Barcelona e Valencia. En canto aos visitantes estranxeiros encabezan as estatísticas os franceses seguidos dos portugueses e italianos

Un grupo de turistas na Praza da Peregrina
Un grupo de turistas na Praza da Peregrina / Mosrey Fotografía

O pasado mes de xullo a provincia de Pontevedra recibiu preto do 40% dos visitantes que chegaron a Galicia.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López expresou a súa satisfacción por estes datos oficiais recollidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE). "Síntome orgulloso de que dous de cada cinco visitantes que chegaron á nosa comunidade autónoma viñesen á provincia".

O 74% eran turistas residentes en España procedentes na súa maioría de Madrid, Barcelona e Valencia. En canto aos visitantes estranxeiros encabezan as estatísticas os franceses seguidos dos portugueses e italianos.

A ocupación hostaleira do mes de xullo foi superior á do mesmo período do pasado ano, cun 2,2% de incremento deixando o dato no 73%. 

"Este mes de agosto entendemos que os datos van seguir na mesma liña, sendo mesmo superiores", comentou o presidente da Deputación. 

En agosto o Palacete das Mendoza, oficina de Información da rede de Turismo Rías Baixas, acolleu a preto de 6.600 persoas (83% nacionais e 17% estranxeiros).

En agosto máis de 8.500 persoas visitaron os castelos de Soutomaior (7.250) e Sobroso (1.250).  

E, neste mes, percorreron algún dos Camiños de Santiago que atravesan a provincia un total de 21.000 peregrinos. O Camiño Portugués foi elixido por 11.800 peregrinos, seguido do Portugués pola Costa, con 8.000; a Vía da Prata 860 e 300 os que percorreron o Camiño de Inverno. 

O pasado mes de xullo, Galicia situouse como o sétimo destino máis importante do norte peninsular e o sétimo de España por detrás de Cataluña, Baleares, Andalucía, Canarias, Comunidade Valenciana e Madrid. Así se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística que constatan que -ao igual que sucedera en maio e xuño- a Comunidade galega destacou en volume de noites nos establecementos de aloxamento.

En concreto, na totalidade dos establecementos de aloxamento, o pasado mes de xullo aloxáronse máis de 900.000 persoas que fixeron máis de 2 millóns de noites. Galicia mantense por terceiro ano consecutivo por riba das dúas millóns de noites e supera os niveis prepandemia en pernoitacións.

No mes de xullo, o 62% da demanda corresponde ao segmento hoteleiro –cun 50% para os hoteis e 12% para as pensións- mentres que o 38% restante fica no aloxamento extrahoteleiro, especialmente nos campings, que absorberon o 18% do total, fronte as restantes tipoloxías que representan o 7% no caso dos apartamentos turísticos, o 3% os aloxamentos de turismo rural e o 10% os albergues.

O turismo internacional amosa un comportamento positivo xeneralizado, superando o volume de noites do pasado ano en todas as modalidades agás nos albergues. Os incrementos danse nos hoteis (5,3%), pensións (3,1%) e cámpings (1,9%) e notables nos apartamentos turísticos (13,4%) e no segmento de turismo rural (11,6%).

De xeito acumulado, nos primeiros sete meses deste ano Galicia rexistrou preto de 3,9 millóns de viaxeiros aloxados que fixeron 7 millóns de noites no conxunto do aloxamento turístico, o que supón incrementos de 2,2% e 0,2% respectivamente. Esta dinámica mantén o nivel final de demanda dos primeiros sete meses en máximos da serie histórica con 14.000 novas pernoctacións respecto do nivel de 2023. É por tanto o segundo ano consecutivo no que as noites dos primeiros sete meses se achega á barreira dos sete millóns de noites.