A Deputación de Pontevedra lanza +Convivir, unhas xornadas lúdicas e formativas dirixidas ao movemento asociativo da provincia.
Este novo programa, tal e como informou o presidente provincial Luis López en conferencia de prensa, dará comezo o día 13 de setembro en Poio e espallarase por diferentes concellos da provincia.
O programa contempla xornadas lúdicas e tamén formativas nas que haberá charlas e mesas redondas sobre doenzas como perdas de memoria ou trastornos psicolóxicos, clases de pilates, xogos de interacción e actuacións musicais.
+XUVENTUDE
Luis López tamén anunciou a aprobación provisional das axudas de +Xuventude, "a primeira liña de subvencións da historia da Deputación dirixida á mocidade da provincia".
López, que se amosou "moi orgulloso" da acollida desta iniciativa, subliñou que á espera da resolución definitiva serán un total de 17 entidades xuvenís as que gozarán destas axudas que repartirán en total preto de 80.000 euros.
As primeiras axudas provinciais á xuventude da Deputación de Pontevedra destinarán entre 1.700 e 5.000 euros. Con estes recursos, as entidades xuvenís poderán poñer en marcha proxectos relacionados coa música, co deporte, coa ciencia, cos hábitos saudables, coa natureza e o medio ambiente, co ocio saudable ou coa integración social.