Medio milleiro de persoas participan en Poio no primeiro encontro +Convivir

Poio
14 de setembro 2024

Persoas integrantes de asociacións veciñais de Poio e da contorna participaron nesta actividade que incluiu unha charla sobre o alzhéimer, un obradoiro de risoterapia, ximnasia e o concerto do Trío Azabache

Primeiro encontro +Convivir
Primeiro encontro +Convivir / Deputación de Pontevedra

Este venres celebrouse no parque da Seca, en Poio, a primeira xornada do programa +Convivir, unha actividade da Deputación deseñada para agradecer o labor do movemento veciñal cunha festa na que participaron máis de 500 persoas implicadas en distintas asociacións veciñais de Poio e da súa contorna. 

Neste encontro o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo en valor a importancia do movemento veciñal para a dinamizar a vida social e cultural na provincia.

Despois de que o presidente Luis López, acompañado polo deputado Javier Tourís e o alcalde de Poio, Ángel Moldes; dera a benvida aos centos de participantes, as actividades deron comezo arredor das 16 horas cunha charla sobre o alzhéimer a cargo do persoal da Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Pontevedra (AFAPO). 

Unha hora despois, continuou cun obradoiro de risoterapia e arredor das 18 horas, tivo lugar unha clase de ximnasia de mantemento. A festa concluíu coa música do Trío Azabache e unha merenda que puxo o broche douro a unha festa que serviu para poñer en valor a importancia de vivir en comunidade.

O programa +Convivir é unha nova iniciativa da Deputación para amosar as súas sinerxías co movemento veciñal co obxectivo conxunto de dinamizar a provincia de Pontevedra. Ademais deste primeiro encontro en Poio, haberá novas xornadas noutros concellos da provincia.