A recuperación de García Escudero esténdese aos restos da vella ponte do Burgo

Pontevedra
27 de novembro 2013

Tras inaugurarse a praza o 25 de outubro, agora continúan os traballos de conservación, mantemento e limpeza da zona e este mércores empezaron as tarefas de recuperación dos restos da antiga ponte. Durarán unha semana

Aspecto actual dos restos arqueolóxicos de Valentín García Escudero Mónica Patxot

Os traballos para a recuperación do xacemento arqueolóxico da praza de Valentín García Escudero seguen dando pasos e desde este mércores estendéronse á cabecera sur da ponte do Burgo, os restos da estrutura orixinal. Tras inaugurarse a praza o 25 de outubro, agora continúan os traballos de conservación, mantemento e limpeza da zona e empezaron a recuperación dos restos da ponte.

O concelleiro de Patrimonio, Luís Bará, deu conta das últimas actuacións realizadas sinalando que a situación actual do proxecto de musealización "cumpre as espectativas que tiñamos e máis alá".

En relación coa recuperación dos restos da ponte do Burgo, explica que foron contratados á empresa Tomus por un orzamento de 3.425 euros e prevese que duren unha semana. Escolleuse a semana actual polo bo tempo, pois é necesario que non chova para realizar traballos como o pintado das estruturas e puntais.

Bará sinala que estes traballos "son necesarios para poder rematar esta actuación, para facer a fotografía definitiva" do espazo arqueológico, pero que non se descoidarán as tarefas de mantemento e limpeza. Realízaas de forma semanal a empresa especializada BIC.

O Concello planea un ambicioso proxecto para peatonalizar e recuperar o aspecto histórico da ponte, pero non está relacionado con esta actuación, senón que será algo independente.