A recuperación de Salo, un Yorkshire abandonado en pésimas condicións que xa se pode adoptar

Pontevedra
15 de decembro 2019

Salo entrou o 18 de setembro no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra. Estaba moi afectado pola sarna e co pelo do lombo seco totalmente pegado pola falta de coidados, o que lle provocara unha infección bacteriana

Salo, cando foi atopado
Salo, cando foi atopado / Deputación de Pontevedra

Salo entrou o 18 de setembro no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra tras ser recollido nas Muras, en Pazos, por unha muller que o atopou na rúa e o levou para a súa casa e prestou unha primeira asistencia. Presentaba pésimas condicións de saúde, pero, tres meses despois, xa está moi recuperado e empeza a recuperar. 

Trátase dun yorkshire e, á súa chegada, os veterinarios comprobaron que estaba moi afectado pola sarna e co pelo seco totalmente pegado pola falta de coidados, o que lle provocara unha pioderma (infección bacteriana), hiperpigmentación e hiperqueratose na pel. Afortunadamente, hoxe está recuperado da sarna. 

Aínda lle queda sanear a falta de pigmentación no pelo na súa parte dorsal, pero xa está en condicións para ser adoptado

O can ten un ano de idade e estaba correctamente identificado con microchip, polo que se procedeu a contactar co seu dono no Porriño. Ao non contestar, desde o centro remitíronlle a correspondente carta e publicouse no taboleiro de anuncios do seu concello de residencia e posteriormente no Boletín do Estado. 

Transcorrido o prazo legal, e ante a falta de resposta, procedeuse a realizar a denuncia por abandono ante a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, unha infracción que se considera grave na Lei de Benestar Animal e que pode supoñer unha multa entre os 500 e os 5.000 euros. 

Esta é unha das 27 denuncias presentadas ao longo deste ano por parte de CAAN por abandono e/ou maltrato, dun total de 232 expedientes de localización de propietarios. Ademais, na actualidade, 400 cans esperan no centro a ser adoptados.

Por outra banda, os catro cachorros que foron arroxados a un colector en Vilanova de Arousa con apenas horas de vida o pasado 30 de novembro seguen a evolucionar favorablemente no CAAN. Ares, Ceo, Terra e Sabela están respondendo aos coidados que o persoal do centro estalles a ofrecer día e noite.