A empresa Redenor (Repoboacións e Desbroces do Noroeste) acaba de poñer en marcha as primeiras plantacións de árbores contempladas no proxecto da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para que a Alameda de Sesmero recupere o esplendor do século XIX.
Trátase dunha reposición a base de carballos do país e de tilos (tilia cordata) que se acometerá na cabeceira norte do parque pontevedrés, a máis próxima á Praza de España, grazas a un investimento de case 18.000 euros.
En paralelo a estas plantacións, o Servizo de Parques e Xardíns estase a coordinar cun equipo de técnicos municipais para realizar un replantexo da ubicación dos postos e das liñas eléctricas das festas da Peregrina mediante o emprego de GPS. Segundo explica o concelleiro Iván Puentes, esta planificación permitirá que "o emprazamento de postos non interfira coas novas e futuras aliñacións de árbores que están previstas no proxecto de recuperación paisaxística".
O plan de reposición de arboredo contempla tanto o destoconado de exemplares en mal estado e a plantación dunha decena de carballos e tilos como unha limpeza en profundidade e adecentamento do recinto do parque, en especial a base do palco da música e dos muros perimetrais que dan cara á Gran Vía de Montero Ríos. Esta intervención incluirá a eliminación de grafitis mediante o uso dunha máquina de vapor.
En paralelo a estes primeiros traballos de recuperación da Alameda do Arquitecto Sesmero, a Concellería de Desenvolvemento Sostible acometerá en breve as obras de bacheo dos sendeiros que comunican os Xardíns de Vincenti. O proxecto, que ven de contratarse á empresa Eicros Gestión cun investimento de 4.764,38 euros, traducirase nun aporte de xabre e un compactado mecánico.
BARCELOS E SAN BENITIÑO DE LÉREZ
O departamento que dirixe Iván Puentes tamén acaba de dar luz verde á contratación do servizo para a poda de árbores na Praza de Barcelos, que acometerá a firma Viveiros Acroa cunha achega de 1.446 euros. Asemade, a empresa Xardinería Saborido levará a cabo traballos de poda en altura de nove plátanos (platanus hispánica) no mosteiro de San Benitiño de Lérez, cun investimento de 1.512,50 euros.