A Rede Europea 'Polis' cualifica o proxecto 'Ágora' da Deputación como unha "boa práctica inspiradora"

Pontevedra
30 de marzo 2021

'Polis', a Rede Europea Para a Innovación no Transporte, vén de cualificar o proxecto Ágora para recuperar espazo público na provincia de Pontevedra como "unha boa práctica inspiradora" e convidou á Deputación a expoñelo ante representantes de cidades e rexións de toda a Unión Europea

Uxío Benítez, deputado de Mobilidade e Espazos Públicos Deputación de Pontevedra

'Polis', a Rede Europea Para a Innovación no Transporte, vén de cualificar o proxecto Ágora para recuperar espazo público na provincia de Pontevedra como "unha boa práctica inspiradora" e convidou á Deputación a expoñelo ante representantes de cidades e rexións de toda a Unión Europea.

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, participou este martes como relator nunha comisión telemática de traballo sobre seguranza viaria -na que tamén amosaron o seu modelo representantes de Flandes- e asistiron delgados das urbes de Oslo, Londres ou Jerusalén, entre outros.

Segundo explicou o xerente senior de Políticas e Proxectos e coordinador de Gobernanza e Integración e tamén de Seguridade de 'Polis', Pedro Homem de Gouveia, "a experiencia de Pontevedra é moi inspiradora e aínda é máis inspirador saber que a Deputación busca difundir estas boas prácticas pola provincia".

"Co voso traballo na área de seguridade viaria, Pontevedra é un magnífico exemplo cara ao resto das cidades europeas e axudaraas", subliñou.

Homem de Gouveia indicou que "na nosa opinión, o que está a suceder en Europa é o seguinte: se analizásemos os problemas de seguridade viaria como un virus, dariamonos conta de que a vacina xa está inventada e que o reto non é inventar outros remedios, senón distribuír a vacina e convencer ás persoas que non cren nela".

Poñendo como modelo innovador á provincia de Pontevedra destacou que "difundir boas prácticas non é sinxelo. É necesario amosar bos exemplos, si, pero é necesario que os responsables asuman que hai un problema, descubran que hai solucións ao seu alcance, aprendan a aplicar estas solucións e se animen a facer todo isto a través do recoñecemento público", subliñou ante a presentación de Benitez.

O deputado de Mobilidade, pola súa parte, explicou que Ágora é rede de acción institucional entre a Deputación e os municipios da provincia para realizar políticas de recuperación do espazo público co obxectivo principal de multiplicar o espazo destinado ás persoas no horizonte de 2023 "de forma concreta e plasmable en números" coa seguranza viaria como un dos seus eixos.

A rede 'Polis' pretende colaborar coa Deputación e incorporar a súa filosofía nos seus traballos sobre política Europea no ámbito da Seguridade Viaria.