O Concello de Pontevedra ven de abrir o procedemento para a adxudicación das obras da mellora da canceira logo da rescisión do contrato para a construción do novo refuxio de animais, cuxo orzamento era dun millón de euros "un luxo asiático nos tempos que corren".
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, explicou este luns que serán un total de 199.861,06 euros os destinados a remodelar o actual refuxio no Vao que se acometerá atendendo as suxerencias feiras pola Asociación Protectora de animais Os Palleiros.
Ademais a Xunta de Goberno local tamén sacou a contratación a reurbanización do camiño da Gándara en Lérez que considera o reasfaltado e a mellora das redes de saneamento e abastecemento. O orzamento supera os 240.000 euros.
Finalmente o goberno local de Pontevedra requeriu a empresa que está acometer as obras do Nó do Pino que corrixa un novo caso de contaminación nas augas do Gafos. En concreto trátase dunha vertedura de augas fecais que acaba directamente na canle, procedente dun sumidoiro que se sitúa na parroquia de Tomeza.
Segundo o voceiro municipal Raimundo González é un problema orixinado co movemento de terras "o rebaixar os pozos fíltrase auga na rede".